É a cuarta vez que a veciña de Mesía sofre un impacto dun vehículo na casa e pide solucións
É a cuarta vez que a veciña de Mesía sofre un impacto dun vehículo na casa e pide solucións
Pídelles aos seguros que actúen con rapidez para poder recuperar a vivenda canto antes
Tamén demanda que haxa controis de velocidade máis continuos nesa zona da estrada
A veciña de Mesía á que un camión cisterna lle derrubou parte da súa casa na tarde de Venres Santo pide que os seguros actúen con premura para poder recuperar a vivenda canto antes. Amais diso, demanda que haxa controis de velocidade máis continuos nesa zona da estrada porque a maioría dos vehículos que pasan a rente da súa casa non respectan os límites de velocidade marcados.
Josefa está afeita a convivir co tráfico da Nacional 634 moi ao seu pesar porque, malia as sucesivas ampliacións da estrada, non conseguiu mudarse. Os vehículos, en gran parte camións, foron pasando cada vez máis a rentes da casa. Así que de tanto en santo hai algún que se desvía e lle mete un bo susto.
Conseguiu que lle fixeran un tabicado provisional de urxencia para non ter a casa tan aberta de par en par, e armou un sitio onde durmir no outro lateral da casa, pero pide que os seguros actúen axiña para recuperar o seu espazo e as súas cousas.
Esta é a cuarta vez que sofre un impacto na casa, por iso a súa preocupación non é só que lla arranxen, senón que fagan algo para que isto non se repita, porque di que non se respectan os límites de velocidade fixados para a recta previa nin para a curva da súa casa.