A veciñanza denuncia a convivencia conflitiva cunha parella de veciños na aldea de Ordelles
A veciñanza denuncia a convivencia conflitiva cunha parella de veciños na aldea de Ordelles
O conflito enfronta unha parella con todos os demais veciños de Ordelles, no concello ourersán do Pereiro de Aguiar
Din que estas dúas persoas, un home e unha muller, alteraron a paz do lugar co seu comportamento agresivo e mesmo violento
Na tranquila aldea de Ordelles, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, o comportamento agresivo e violento dunha parella remata coa paciencia do resto de residentes.
A veciñanza conta que cando o home e a muller chegaron a esta aldea, hai xa unha década, que os acolleron e lles axudaron en todo o que precisaron para que se integrasen. Estaban contentos, din, coa chegada dunha parella nova á aldea.
Todo foi ben ata que hai catro anos comezaron os conflitos, e desde aquela aseguran que a convivencia foi empeorando ata volverse insoportable.
Fartos de recibir insultos e ameazas, así se sente a maioría da veciñanza de Ordelles, no Pereiro de Aguiar. Aseguran que unha parella de veciños lles está a facer a vida imposible.
"Estamos un pouco cansos porque non se pode vivir así. Non podes dar un paseo por diante da súa rúa, porque a min pasoume que fun ver unha veciña, abordáronme os dous chamáronme de todo menos guapa e cuspíronme", conta María Josefa Silva, veciña de Ordelles.
"Ela cada vez que me vía insultábame: 'calva', 'lesbiana', 'borracha'. Despois tiven que denunciala porque eu estaba de costas e deulle unha patada á miña cadeliña pequena".
"Eu tiña problemas con el porque aparcaba os coches diante da miña porta. Todos os días con todos, se non é comigo é con aquel, e se non é con aquel é con calquera".
Aseguran que os intimidan tamén cos coches e que tiveron varios intentos de atropelos. A xente máis maior di que xa ten medo de saír a rúa.
"Nós o que queremos é paz, que nos deixen vivir tranquilos. Eles din que os queremos botar, é mentira. O que eles queren é facernos a vida imposible".
"A convivencia é fatal con eles, o único que pedimos é vivir en tranquilidade. Se non queren ter relación con nós, que non a teñan, pero que nos deixen vivir tranquilos".
Intentamos falar coa parella denunciada para escoitar a súa versión, pero non quixeron atendernos. Desde o Concello aseguran que mediaron en numerosas ocasións, pero lonxe de arranxarse, o conflito agora está totalamente xudicializado, con máis dunha vintena de denuncias.