A venda de tests da gripe e a covid multiplícase por dez nas farmacias galegas
A venda de tests da gripe e a covid multiplícase por dez nas farmacias galegas
As autoridades sanitarias insisten na importancia da máscara para protexer os vulnerables e din que a mellor prevención é a vacina
Coas infeccións respiratorias entrando no seu habitual pico invernal, nas farmacias non dan abasto coa venda de test. Especialmente coas probas que diferencian entre os dous tipos de gripe, A e B, e a covid, chegan a esgotar existencias.
É un boom. Pero advirten os farmacéuticos que saber que virus é non é o máis relevante. Con patoloxía leve, o que se tratan son os síntomas, e cos mesmos medicamentos a gripe A, a B ou covid. Así que pode resultar sorprendente ese empeño en saber de que virus se trata.
"A min chámame a atención, porque se eu estou cunha patoloxía, que máis me dá saber se é gripe ou covid. Eu teño que protexerme, coidarme e non ser egoísta: pór máscara, ter coidado de non achegarme a persoas maiores", di Natalia Martínez, farmacéutica no Milladoiro.
Con calquera síntoma, ventilar e protexer os vulnerables é máis importante que saber se o virus é un dos tres que marca o test.
"Hai catarro, hai outros virus respiratorios circulando, e que che dea negativo nun test non significa que non poidas ter outra patoloxía", engade Natalia.
Saber que virus si é importante no caso das persoas maiores e vulnerables. Hoxe os tests seguen co prezo fixado polo Estado, pero xa volven pagar IVE. Nas farmacias, as marxes redúcense tamén porque moitas distribuidoras aproveitan a epidemia para subirlles os prezos.
Así que hoxe quedamos con este xesto... e esta conclusión: "Se temos que escoller en gastar os cartos en test ou máscara, optemos pola máscara".