A viguesa GKN Driveline homenaxea as oito primeiras mulleres do seu cadro de persoal
A viguesa GKN Driveline homenaxea as oito primeiras mulleres do seu cadro de persoal
As mulleres incrementan a súa presenza no sector da automoción, pero seguen en minoría
En quince anos pasaron de representar o 20 % a ser xa a cuarta parte dos cadros de persoal no sector da automoción
Poñer en valor a contribución a das mulleres ao desenvolvemento do sector industrial en Vigo é un dos obxectivos da homenaxe ás xubiladas que organizou a antiga Indugasa, fabricante de transmisións para vehículos a motor.
A lembranza daquelas pioneiras faise neste mes de febreiro no que se quere chamar a atención sobre a -aínda minoritaria- presenza das mulleres no sector da Ciencia e a Tecnoloxía. Neste empresa de Vigo están a celebrar o seu 50 aniversario e quixeron homenaxear as primeiras mulleres que se incorporaron á fábrica, na limpeza, na secretaría, pero tamén na cadea de montaxe, aló polo ano 1973.
Naqueles tempos en branco e negro de finais do franquismo a división sexual do traballo deixaba a maioría das mulleres relegadas no ámbito doméstico. Pero este pequeno grupo, cada unha coa súa historia, entrou a traballar nos talleres da antiga Indugasa.
"Ao principio montaba pezas, a xunta. Moitos deles dicían, vai para casa! Para a casa vai ti que eu estou defendendo o meu posto de traballo como o defendes ti", explica Josefa Leal, a primeira muller que traballou na cadea de montaxe.
"É que a empresa iniciouse no 73, e claro, aos dous anos morreu Franco e xa houbo un cambio político que tamén levou nas empresas a un cambio da personalidade de cada traballador", engade Mari Carmen Caride, que traballou en labores de administración.
"Fun a primeira secretaria de dirección e sempre vivimos en harmonía, e colaborando unhas coas outras, aínda que no comezo eramos pouquísimas. E ao final comezaron a chegar as enxeñeiras e para nós foi unha satisfacción enorme porque ao fin isto recoñece a valía e preparación das mulleres", dixo Emilia Domínguez, que foi a secretaria de dirección.