A vixilancia aduaneira refórzase ante o aumento de entrada de cocaína
A vixilancia aduaneira refórzase ante o aumento de entrada de cocaína
Aumenta a cantidade de cocaína introducida en Europa para compensar os prezos baixos da droga
Vixilancia Aduaneira reforza a vixilancia do branqueo de capitais vinculado ao narcotráfico
Desde o Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia constátase o incremento da entrada da cocaína polas nosas costas e portos, asociado á caída dos prezos da droga. O xefe rexional de Vixilancia, Fernando Iglesias, insiste na necesidade de investigar o branqueo de capitais para acabar coas cúpulas das organizacións criminais.
O tráfico de cocaína cara a Europa medrou significativamente nos últimos tres anos. E en Galicia, tal e como se detectou nos últimos días, os alixos son tamén cada vez maiores. Os portos, xunto co de Alxeciras, Valencia e Barcelona son as vías de entrada principais.
"Este ano a Axencia Tributaria, a través do Servizo de Vixilancia Aduaneira, comisou máis de 20 toneladas por vía marítima e 60 en colectores. E só no porto de Amberes levan máis de 120 toneladas de cocaína", asegurou Fernando Iglesias, xefe rexional de Vixilancia Aduaneira en Galicia.
O motivo fundamental é a caída do prezo da droga, á metade nos últimos dous anos, favorecida pola baixa demanda dos Estados Unidos, onde aumentou o consumo de opiáceos.
"Temos esta situación en que hai exceso de cocaína que sae de América do Sur, o prezo baixou e onde antes viñan partidas de 2.000 kg, encontrámonos agora con que se arriscan a introducir 7.500 kg, como sucedeu recentemente en Galicia, porque o custo é o mesmo que o que antes supoñía introducir 2.000 kg", detallou Iglesias.
Ademais da actividade dos grandes clans galegos, Fernando Iglesias advirte de grupos novos que combinan o tráfico de drogas con actividades mercantís para ocultar os beneficios.
"De aí a importancia de centrar a nosa actividade no branqueo de capitais. Estamos agora reforzando a nosa rede de investigadores porque cremos que é a forma máis efectiva de poder acabar cos grandes narcos e coa cúpula das organizacións criminais nese sentido", resaltou o xefe de Vixilancia Aduaneira en Galicia.
O clan dos Balcáns é un dos obxectivos fundamentais das unidades antidroga nos últimos anos.