A volta ao cole custará este ano case 500 euros por escolar
A volta ao cole custará este ano case 500 euros por escolar
Un estudo realizado polo comparador Idealo cifra en 491,9 euros o gasto medio por escolar en España
As buscas en Internet de material escolar de segunda man soben un 200 % respecto do verán de 2023
Librarías e papelerías quentan motores para a tempada alta: empeza a operación volta ao cole, e vén con subas. "Os prezos dos libros son un 6 ou 7 por cento máis que o ano pasado", di o libreiro Santiago Mayo. "Hai libros que poden chegar aos 60 euros", engade.
Segundo o estudo realizado por Idealo, os libros pagaranse este ano a case 350 euros de media. Representan case o 70 por cento do gasto da volta ao cole. Calzado, chándal, material de papelería e mochila completan o paquete básico do inicio de curso.
Buscando xeitos de aforrar, parece que tiramos cada vez máis do mercado de segunda man: a compravenda de libros de texto usados aumentou este verán máis dun 200 por cento respecto do pasado. E segundo a plataforma Wallapop, oito de cada 10 galegos apostan polo material escolar reutilizado.
Comparar prezos en liña e nas tendas físicas, activar alertas que nos avisen das ofertas e ir comprando con antelación o que se poida para non gastar todo xunto son outros consellos que dan para axudar a subir esa costa de setembro.