A volta do IVE ao 21 % na electricidade, por Maite Cancelo
OPINIÓN
A volta do IVE ao 21 % na electricidade, por Maite Cancelo
En xuño de 2021, os aumentos da inflación e, en concreto, dos prezos enerxéticos, estaban nuns niveis que dificilmente podían soportar as familias, situación que se complicou a principios de 2022 coa invasión de Rusia en Ucraína, xa que disparou aínda máis o prezo da enerxía. Perante esta situación, o Estado acordou reducir o IVE da luz ata o 5 %, unha medida que venceu o 31 de decembro de 2023. Este IVE superreducido aplicouse a algúns conceptos da factura da luz, como as peaxes, o consumo e o alugueiro do contador, pero outros conceptos da factura, como os dereitos de enganche, sempre tributaron ao 21 %.
En xaneiro, unha vez esgotado o período en que se aplicaba a medida, optouse por unha subida progresiva deste imposto ata o 10 %, pero estaba condicionada á evolución do prezo do mercado grosista, que, segundo a norma aprobada no seu día, tiña que estar por encima dos 45 euros por MWh como premisa para manter a redución acordada do tipo do IVE. Pero, durante o último mes, o prezo de mercado está por baixo desa contía, en parte debido ao forte temporal destes días, que disparou a xeración de enerxía eólica. En calquera caso, esta é a xustificación que o executivo utiliza para a volta ao gravame do 21 % a partir do día 1 deste próximo mes.
É oportuna a medida?
Por unha banda, esta caída do prezo grosista só afecta aos contratos do mercado regulado (algo menos de nove millóns de usuarios) e non aos do mercado libre (uns 18 millóns de contratos), que, cun prezo fixo anual, non notarán a redución dos prezos base pero si unha subida do pagamento final en función dos impostos.
Ao anterior hai que engadirlle os aumentos do imposto especial sobre a electricidade ou o de xeración, este último, aínda que non afecta de forma directa aos consumidores, si que o fai de forma indirecta pola translación do aumento de custos empresariais aos prezos. Desta forma, dada a recuperación dos impostos, a luz subirá, segundo algunhas estimacións, un 20 %.
En definitiva, o Goberno está a aplicar o que eles mesmos aprobaron no seu día, a posibilidade de recuperar o IVE habitual da electricidade (do 21 %) se os prezos se sitúan por baixo dun limiar. Pero os fogares aínda non están en situación de poder asumir este aumento de tipos, xa que a pesar de que a subida de prezos se contivo, estes non se reduciron, senón todo o contrario, co conseguinte impacto na renda dispoñible nos fogares españois. Así, a taxa AROPE de risco de pobreza ou exclusión social, publicada polo INE, aumentou con relación ao ano anterior, e o propio instituto alertou de que un 20 % dos fogares españois non poden quentar o seu fogar de forma adecuada polos altos prezos da electricidade.
Pero este problema afecta, ademais, ás familias traballadoras de rendas medias, que perderon poder adquisitivo durante o período inflacionista e están a pagar, tamén, máis en concepto de IRPF, que, lembremos, non foi indexado á evolución dos prezos no Estado.
Por todo iso, na nosa opinión, deberíase optar por unha prórroga dunha medida que foi benvida ao mitigar os efectos das subidas de prezos da electricidade, pero tamén a doutros bens básicos, ao non producirse, aínda, unha recuperación das rendas. Unha recuperación do imposto, que, como se sinala no propio sector enerxético, se traduce nunha lotería impositiva ao ligar o IVE variable a criterios alleos á maioría dos consumidores.