A xornalista da TVG María Solar, nomeada Amiga de UNICEF
A xornalista da TVG María Solar, nomeada Amiga de UNICEF
A entidade das Nacións Unidas recoñece así a súa sensibilidade, compromiso e implicación cos dereitos da infancia
Xornalista e escritora, a coordinadora da área de Cultura da Corporación é un dos rostros máis coñecidos da Televisión de Galicia
A xornalista e escritora María Solar, coordinadora de Cultura da CRTVG, será nomeada Amiga de UNICEF Comité Galicia pola súa especial sensibilidade cos dereitos da infancia, compromiso e implicación coa entidade. O acto terá lugar o 19 de setembro en Santiago de Compostela. María Solar amosou o seu agradecemento “polo cariño e a xenerosidade do Comité Galicia de UNICEF que fan tan extraordinario e anónimo traballo pola infancia en Galicia e no mundo”.
Como firme defensora dos dereitos da infancia, Solar promove cada ano o dereito á participación dos nenos durante a celebración da Semana coa Infancia que a CRTVG desenvolve en apoio a UNICEF.
A xornalista apoia a actividade da organización desde hai anos: en 2022 moderou a mesa redonda ‘O impacto da tecnoloxía na adolescencia en Galicia’, organizada por UNICEF. En 2021 participou no libro ‘UNICEF. 75 años defendiendo los derechos de la infancia’, e en 2020 implicouse como coautora de ‘Contaxio’, conto impulsado por UNICEF Comité Galicia e a tamén ‘Amiga de UNICEF’ e actriz Lucía Regueiro, que fomenta hábitos saudables, a cultura e a educación de nenos e adolescentes en tempos da covid-19.
María Solar é un dos rostros máis coñecidos da TVG e unha das escritoras máis premiadas do panorama galego actual. Comezou a súa andadura hai máis de 25 anos na Radio Galega e na TVG, onde dirixiu e presentou programas de todos os xéneros, incluíndo ‘Zigzag’, o buque insignia da programación cultural da canle e do que foi membro fundador.
A súa obra literaria, en galego, comprende os xéneros infantil, xuvenil e adulto e foi traducida xa a linguas como castelán, catalán, polaco, portugués, italiano ou chinés.