A xuíza envía o detido polo crime de Baiona á unidade de psiquiatría
A xuíza envía o detido polo crime de Baiona á unidade de psiquiatría
O home encóntrase en estado catatónico, sen pronunciar palabra, e nin o seu avogado dá falado con el nin a xuíza puido tomarlle declaración
En cadeira de rodas e completamente oculto saía Ángel Rodríguez dos xulgados de Vigo. A titular do xulgado de Violencia contra a Muller ordenou o seu traslado ao hospital para unha revisión do seu estado psicolóxico. Non puido tomarlle declaración porque o detido non pronunciou palabra. Os forenses recomendaron o ingreso. Está catatónico, segundo o seu avogado.
A medida foi solicitada pola fiscalía e apoiada tanto pola acusación popular como polo avogado da defensa, da quenda de oficio. Durante as dez horas e media de estadía no xulgado, permaneceu case inmóbil e nun mutismo absoluto.
Desde que se entregou o luns nunha comisaría de Ourense, horas despois de cometer o asasinato, non realizou ningunha declaración.
A xuíza prorrogou 72 horas a detención antes de interrogalo cando o seu estado de saúde o permita.
Entrementres, segue a investigación para dar cunha das armas homicidas, coa que presuntamente o agresor lle causou as feridas mortais a Beatriz Lijó.
Estaban divorciados e, segundo trascendeu, mantiñan discrepancias sobre a custodia dos dous fillos da parella.