A xuíza abre dilixencias contra Nacho Cano por suposta contratación ilegal de inmigrantes
A xuíza abre dilixencias contra Nacho Cano por suposta contratación ilegal de inmigrantes
O Xulgado de Instrución 19 de Madrid abriu un procedemento penal contra o produtor musical Nacho Cano e dúas persoas máis pola suposta contratación ilegal de inmigrantes para o seu espectáculo musical Malinche.
Nun auto, a xuíza Inmaculada Iglesias acorda unha serie de dilixencias e anuncia que unha vez practicadas citará "os investigados" pola presunta comisión de delitos contra os dereitos dos cidadáns estranxeiros e delitos contra os dereitos dos traballadores.
Entre elas, chamar como testemuña a denunciante destes feitos, ofrecer accións a outros supostos prexudicados e pedir á Inspección de Traballo copia da acta de Inspección do 27 de xuño e que informe sobre se os 16 bailaríns achados en situación irregular estaban a participar no espectáculo Malinche.
Estes feitos investíganse a resultas da denuncia presentada por Lesly Guadalupe, unha bailarina de México seleccionada nese país, xunto con outros 19 participantes nun casting, para formar parte da compañía La Malinche.
Segundo o auto, os investigadores consideran que existen indicios de delito xa que os investigados, "de maneira intencional", facilitarían a entrada de estranxeiros non comunitarios sen un contrato laboral senón como turistas, o que lles permite estar en territorio español 90 días, "pasando á situación de irregular" de permanecer máis tempo.
De feito, relata, a investigada que proporcionaba "aos migrantes" información relativa á viaxe a través dun grupo de WhatsApp indicoulles que debían entrar en España "sen portar ningún tipo de información corporativa da compañía Malinche nin ningunha outra que fixese presupoñer que a súa intención era a de quedar en España".
Tamén, que viaxarían de forma graduada "e que debían de facer coma se non se coñecesen entre eles, debendo indicar que viaxaban por turismo".