Publicador de contidos
Publicador de contidos

A xuíza deixa en liberdade a Juan Padín, investigado por un delito de contrabando

A xuíza deixa en liberdade a Juan Padín, investigado por un delito de contrabando

Terá que comparecer cada quince días nos xulgados

G24.gal 11/04/2024 18:10

O Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa acordou a posta en liberdade de Juan Vidal Padín, alias o Burro, que foi detido esta semana xunto a outras cinco persoas pola súa presunta vinculación co narcosubmarino Poseidón, achado fronte ás costas de Vilaxoán en marzo do ano pasado.  

No marco deste operativo policial, desenvolvido por Policía Nacional, Garda Civil e Servizo de Vixilancia Aduaneira, foron detidas seis persoas.

Padín leva anos baixo o foco policial pola súa presunta relación con actividades de narcotráfico e branqueo, aínda que nunca fora arrestado.  

Dos detidos, catro quedaron libres en sede policial e dous pasaron a disposición xudicial: Vidal Padín e un home de nacionalidade colombiana que foi arrestado en Fuerteventura.

No caso de Padín, o xulgado de Vilagarcía acordou a súa posta en liberdade, coa obrigación de comparecer en sede xudicial cada 15 días, e está investigado por un presunto delito de contrabando.  

Con respecto ao cidadán colombiano, o Xulgado de Garda de Fuerteventura tamén acordou a súa posta en liberdade, investigado por un suposto delito de tráfico de drogas.  

Esta persoa acolleuse ao seu dereito a non declarar e, ao non pedir a prisión a Fiscalía, quedou libre, tamén coa obrigación de comparecer quincenalmente, e retiróuselle o pasaporte.

Ademais, a xuíza acordou inhibirse en favor do xulgado arousán.

O operativo policial foi froito das investigacións iniciadas hai máis dun ano, cando se localizou a unha milla da costa arousá un batiscafo de fabricación artesanal, bautizado como Poseidón.

O narcosubmarino foi recuperado e trasladado a terra, onde se confirmou que estaba baleiro, aínda que os investigadores apuntaron no seu momento que ten capacidade para transportar uns 5.000 quilos de cocaína.  

Así mesmo, as forzas policiais relacionaron ese achado coa aparición, unhas semanas antes, de dúas planadoras varadas nas costas de Ribeira.  

Na actuación levada a cabo esta semana por parte de Policía, Garda Civil e SVA, realizáronse varios rexistros, entre eles un nunha nave propiedade de Padín en Vilaxoán.

Ademais das 6 detencións, foron incautadas tres embarcacións semirríxidas, das utilizadas polas organizacións criminais para o alixo de drogas no mar.  

Dáse a circunstancia de que, a pasada semana, as forzas policiais levaron a cabo outro operativo contra unha rede encargada da construción e transporte de planadoras, con 10 persoas investigadas.

Nesa actuación, interviñéronse moldes para construír narcolanchas e un camión para transportalas.  

As actuacións nese caso estiveron coordinadas por un xulgado de Vigo, ante o que compareceron 3 dos investigados.

O xulgado decretou a posta en liberdade destas persoas, investigadas por un presunto delito de tráfico de drogas e outro de contrabando de embarcacións; así mesmo, ordenou a busca e captura doutras tres persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade