Prisión provisional para catro detidos por narcotráfico no Salnés
Prisión provisional para catro detidos por narcotráfico no Salnés
A organización criminal, con ramificación na Coruña e en Portugal, dedicábase ao narcotráfico e ten unha ramificación destinada á construción de narcolanchas
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados acordou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza de catro dos detidos no operativo contra o narcotráfico desenvolvido no Salnés e con ramificacións na Coruña e Portugal.
Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na mañá deste venres pasaron a disposición nove dos detidos, o resto quedaron en liberdade en sede policial. Desta forma, os cinco restantes que sentaron durante esta xornada ante o xuíz quedaron en liberdade con comparencias mensuais.
Na causa investíganse delitos de tráfico de drogas, contrabando e pertenza a organización criminal.
A operación, denominada 'Ceira', tivo lugar na madrugada do mércores e saldouse con 20 detidos. No marco dese operativo conxunto entre Policía Nacional, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira producíronse varios rexistros en zonas do Salnés, como A Illa de Arousa, Noalla e Vilanova, aínda que tamén na Coruña e en Portugal.
Durante o operativo os axentes comisaron máis de 20 quilos de heroína, unha plantación de marihuana, diñeiro en efectivo e vehículos de alta gama. A organización criminal dedicábase ao narcotráfico e ten unha ramificación destinada á construción de 'narcolanchas'.