O último operativo antidroga no Salnés rematou con 28 detidos e catro narcolanchas intervidas
O último operativo antidroga no Salnés rematou con 28 detidos e catro narcolanchas intervidas
Nos rexistros interviñéronse catro narcolanchas, 150.000 euros en efectivo, tres vehículos caleteados e material informático e telefónico
O último operativo contra o narcotráfico desenvolvido en localidades do Salnés, da Coruña e de Portugal -no marco da operación Ceira- rematou finalmente con 28 persoas detidas.
Así, o Ministerio do Interior deu por desarticulada unha organización criminal acusada de fabricar narcolanchas e distribuír marihuana a grande escala.
Na operación interviñeron a Policía Nacional, a Garda Civil, a Axencia Tributaria e a Policía Judiciaria de Braga.
A rede estaba asentada entre Galicia e o norte de Portugal, estendendo o seu radio de actuación até Huelva.
Segundo o Ministerio do Interior, no operativo participaron máis de 200 axentes, realizando 19 entradas e rexistros nos que se interviñeron catro embarcacións tipo EAV, as coñecidas como narcolanchas, así como 150.000 euros en efectivo, tres vehículos caleteados, material informático e telefónico.
A operación permitiu desmantelar dúas plantacións de marihuana, intervindo cinco quilos de cogollos deste estupefaciente, nunhas dilixencias de investigación que detectaron distintas "localizacións de seguridade" da organización criminal nas que levarían a cabo a fabricación deste tipo de embarcacións rápidas.
Naves en Sanxenxo e Arousa
Neste sentido, púidose localizar unha nave en Sanxenxo e outra na Illa de Arousa, nas que realizarían as primeiras fases desta fabricación.
A organización tamén contaba con senllas naves industriais na zona norte de Portugal, nas que se finalizarían as actividades.
A investigación iniciouse a finais do ano 2022 cando as unidades tiveron coñecemento da existencia dunha organización criminal perfectamente estruturada, que se dedicaba á construción e posta a punto de narcolanchas que serían empregadas para a introdución de grandes cantidades de sustancias estupefacientes en territorio nacional.
Durante a investigación púidose frustrar a botadura de dúas embarcacións, a primeira delas en setembro do ano 2023, cando ía ser botada ao río Miño, na freguesía de Lanhelas na localidade portuguesa de Caminha, e a segunda o pasado día 1 de febreiro de 2024, esta vez na localidade de Moguer (Huelva).
A investigación foi dirixida pola maxistrada do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número catro de Cambados e o fiscal antidroga de Pontevedra