Publicador de contidos
Publicador de contidos

Operación Ceira: así se creou o Equipo Conxunto de Investigación con Portugal

Operación Ceira: así se creou o Equipo Conxunto de Investigación con Portugal

Foi unha xuíza de instrución de Cambados, do xulgado número 4, a que solicitou en xaneiro deste ano constituír coas autoridades lusas un grupo para investigar unha suposta organización dedicada ao narcotráfico

No marco desta investigación a semana pasada un operativo policial permitiu a detención dunhas vinte persoas e o comiso de 23 quilos de heroína

Os detidos na operación Ceira pasando a disposición xudicial en Cambados Os detidos na operación Ceira pasando a disposición xudicial en Cambados
G24.gal 11/10/2024 10:39

Foi en xaneiro de 2024 cando a maxistrada do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados, no marco da denominada operación Ceira, solicitou, dentro de Eurojust -a Axencia da Unión Europea para a Cooperación Xudicial Penal-, crear un Equipo Conxunto de Investigación (ECI) con Portugal.

Quería investigar unha presunta organización criminal dedicada ao tráfico de drogas e ao contrabando de narcolanchas asentada na provincia de Pontevedra e con nexos no país luso.

A semana pasada esa investigación chegaba a bo porto. Nun operativo en que interviñeron de maneira conxunta axentes da Policía Nacional, da Garda Civil e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, na provincia de Pontevedra practicáronse unha vintena de detencións e incautáronse ao redor de 23 quilos de heroína.

Pero para chegar a iso antes houbo moitos meses de traballo, e ese Equipo Conxunto de Investigación (ECI) con Portugal resultou fundamental. 

Os ECI forman parte das ferramentas de cooperación internacional para facer fronte, dentro da Unión Europea, á delincuencia organizada transnacional, pois permiten o intercambio directo de elementos probatorios e de informacións entre países.

Para formalizar a constitución do ECI foi necesario que a titular do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados e o fiscal antidroga da Fiscalía de Pontevedra mantivesen un encontro na sede de Eurojust cos maxistrados de ligazón españois e portugueses, así como con autoridades xudiciais portuguesas e membros das forzas e corpos de seguridade do Estado de cada un dos dous países.

A intervención de Eurojust foi decisiva para a creación do equipo, que foi clave para axilizar a instrución en ambos os países de cada un dos dous procedementos relacionados co tráfico de drogas.

A maxistrada instrutora española e a fiscala portuguesa acordaron esta semana, tras o levantamento do secreto de sumario en España, o cesamento do Equipo Conxunto de Investigación. O traballo dáse por concluído.

Nas próximas semanas decidirase sobre a transmisión do procedemento portugués en favor da xurisdición española, algo ao que non se opuxo a maxistrada do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade