Deteñen dúas persoas en Ourense por tráfico de drogas e comisan máis de 20 quilos de estupefacientes
Deteñen dúas persoas en Ourense por tráfico de drogas e comisan máis de 20 quilos de estupefacientes
Deteñen dúas persoas en Ourense por tráfico de drogas e comisan máis de 20 quilos de estupefacientes
Segundo os investigadores, os dous arrestados, un home e unha muller, serían os encargados de proporcionar cocaína e haxix a vendedores de droga da cidade
A Policía Nacional detivo o xoves da semana pasada en Ourense un home e unha muller por tráfico de drogas, tras intervir máis de 20 quilos de estupefacientes e unha "gran cantidade" de diñeiro en efectivo.
Segundo informa a Policía, estas dúas persoas están acusadas dun suposto delito contra a saúde pública ao estar en posesión de varios quilos de cocaína e de haxix, e coas súas detencións culminan varios meses de investigación orientados a conseguir o desmantelamento dun centro de distribución de substancias en Ourense, bautizada como operación Giralda.
Esas pescudas permitiron que os investigadores establecesen que os detidos estaban en posesión dunha notoria cantidade de droga que almacenaban nun garaxe do barrio ourensán da Milagrosa, droga que estaba destinada a distribuidores intermedios que a poñían ao alcance do consumidor final.
Os axentes fixeron dous rexistros, un deles nese garaxe, utilizado como "gardería" para o almacenamento da droga; e outro nun piso, situado nunha céntrica rúa da cidade en que residía a parella.
Como resultado conseguiuse a incautación de máis de tres quilos e medio de cocaína, máis de 16 quilos e medio de haxix, gran cantidade de diñeiro en metálico, telefonía móbil, distintos útiles empregados a elaboración, distribución e venda de drogas, ademais dun vehículo propiedade dos detidos que era utilizado para a distribución da droga.
Explican desde a Policía Nacional que a operación deriva de anteriores investigacións relacionadas co tráfico de estupefacientes na cidade polas que no seu día se realizaron diferentes detencións. Nesta ocasión o obxectivo perseguido era o de neutralizar un novo provedor situado nun chanzo superior na distribución dentro da trama delituosa de tráfico de drogas en Ourense.
Ambos os detidos xa foron postos á disposición xudicial, decretándose o ingreso en prisión provisional do home. Para ela acordáronse medidas xudiciais.