A Xunta abre unha nova liña de axudas para renovar electrodomésticos
A Xunta abre unha nova liña de axudas para renovar electrodomésticos
Pódese solicitar a partir do 8 de febreiro
O orzamento é de 2,2 millóns
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou que a partir do xoves, 8 de febreiro, poderase solicitar as axudas do programa Galicia Renova Electrodomésticos, ás que a Xunta destina un orzamento de 2,2 millóns de euros coa intención de que se mobilicen 7,6 millóns en vendas.
No acto de presentación desta iniciativa, no que estivo acompañada polo presidente da Asociación Nacional de Empresas Distribuidoras de Electrodomésticos, Wilson Fernández, Lorenzana detallou que ata o momento son case 400 os establecementos adheridos a esta campaña.
Sobre a contía destas axudas, explicou que cobren o 25 % do custo do electrodoméstico e, en caso de consumidores vulnerables, entre o 50 e o 75 %. Os electrodomésticos que entran nestas axudas son frigoríficos, conxeladores, lavadoras, lavalouzas ou placas de indución coa correspondente cualificación enerxética.