A Xunta adquire máis de 400.000 libros para a cesión a alumnado de primaria
A Xunta adquire máis de 400.000 libros para a cesión a alumnado de primaria
O conselleiro de Educación destaca a dotación de profesorado para "dar resposta ás necesidades"
A Xunta comprou máis de 400.000 libros para ceder de balde ao alumnado, despois do cambio da lei educativa estatal que "fixo inservibles" os anteriores, segundo sinalou este luns o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
Estes libros do Fondo Solidario repartiranse en réxime de préstamo entre o alumnado desde 3º de primaria a 4º da ESO. "A Xunta fixo un investimento de máis de 25 millóns de euros nos dous últimos anos na adquisición destes manuais para ceder aos alumnos", comentou o conselleiro.
No caso do material consolídanse os dous vales, de 75 e 60 euros, en función da renda. Ademais, hai axudas de entre 160 e 300 euros para a compra de manuais para os dous primeiros cursos de Primaria, os de Educación Especial e para aqueles con necesidades específicas de apoio educativo, xa que os seus manuais non son reutilizables.
Este modelo, segundo manifestou, xunto co libro dixital de préstamo, "beneficia a sete de cada 10 alumnos e supón un aforro de 100 millóns de euros aos fogares".
O titular do departamento educativo da Xunta fixo estas declaracións este luns en Pontevedra no transcurso dunha visita a librería Escolma, onde destacou o reforzo do apoio da administración autonómica ás familias no inicio do curso escolar.
MEDIDAS
Unha a unha, Román Rodríguez repasou a "batería de medidas" mediante as que se facilita a volta ás aulas "e se promove a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino", dixo.
Entre estas medidas, citou a matrícula universitaria gratuíta, "que se estrea por primeira vez este ano académico", unha "medida pioneira cun aforro medio de 3.000 euros por fillo", detallou.
"Isto convértenos na única Comunidade onde o acceso a todo o ensino é gratuíto, desde as escolas infantís ata a obtención dun título universitario ou de FP", afirmou o conselleiro.
Tamén destacou as axudas para a adquisición de libros de texto e de material, ademais da conxelación dos prezos dos comedores ou o préstamo de computadores.
O conselleiro insistiu, ademais, en que o servizo de transporte escolar é gratuíto e en que "Galicia conta cun dos servizos de comedor máis equitativos", de tal forma que o 80 % de usuarios dos comedores da Xunta teñen o servizo gratuíto ou pagan un euro. Este servizo volverá ter os prezos conxelados, polo que a Consellería asume o incremento do custo dos alimentos e a enerxía para que non repercuta nas familias.
PROFESORADO
En canto ao profesorado, o conselleiro de Educación apuntou que "este curso imos ter máis profesores ca o pasado, con catro mil alumnos menos". A Consellería está "en pleno proceso de asignación de recursos, isto non é algo arbitrario, todo faise en base a criterios técnicos e os servizos de inspección".
"Estamos nun nivel de persoal semellante ao do ano pasado e en setembro incrementarase para dar respostas ás necesidades que hai en Galicia", engadiu.