A Xunta apoiará con 4 millóns o Campus Terra
A Xunta apoiará con 4 millóns o Campus Terra
O campus lugués acaba de recibir o recoñecemento Campus de Especialización
Tras un ano de avaliación por expertos externos, a Universidade de Santiago consegue acreditar como especializado o seu campus de Lugo, centrado nos graos e mestrados en gandería, agricultura, forestal, alimentación ou veterinaria. O reitor destaca os deberes que supón este distintivo para catro anos: mellorar a oferta formativa, aumentar a cifra de estudantes e impulsar a investigación e que esta chegue ás empresas.
"É unha oportunidade para reforzar o proxecto universitario en Lugo, para dinamizar o sector empresarial primario e o resto de sectores e tamén unha peza importante para facer fronte ao reto demográfico e ao asentamento da poboación no territorio", dixo o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López.
O presidente da Xunta comprometeu o apoio do Goberno galego a este proxecto e avanzou que o xoves aprobarán 4 millóns de euros para o Campus Terra.
"Temos tres magníficas universidades, as taxas máis baratas de España sen baixar a calidade do ensino que se dá. Iso supón un esforzo importante e é un valor de referencia para que moita xente de fóra de Galicia escolla vir a formarse aquí", sinalou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O de Lugo é o segundo en conseguir a acreditación de Campus de Especialización tras o Industrial de Ferrol.