A Xunta asina en Glasgow un acordo para reducir nun 55 % os gases de efecto invernadoiro en 2030
A Xunta asina en Glasgow un acordo para reducir nun 55 % os gases de efecto invernadoiro en 2030
Galicia entra no territorio dos compromisos internacionais para frear o cambio climático. A conselleira de Medio Ambiente e Territorio asinaba este domingo en Glasgow o Memorando de Entendemento Under2 2021. Arredor dese texto conflúen 260 gobernos, que representan 1750 millóns de persoas e un 50 % da economía mundial. O primeiro obxectivo: reducir emisións de efecto invernadoiro.
"Queremos chegar ao ano 2050 con neutralidade climática e para iso varios obxectivos; un principal, no ano 2030 temos que ter diminuído un 55 % das emisións".
A conselleira salientaba que parte do camiño para cumprir ese compromiso xa está andado.
"Diminuímos o 23,8 % das nosas emisións xa no ano 2019. Iso quere dicir que podemos chegar ao 55 % no ano 2030".
Galicia actuará coordinadamente cos países e rexións asinantes, e entre os temas de cooperación figura a promoción de fontes renovables de enerxía.
"Tamén é un traballo con moitas oportunidades no eido da enerxía. Galicia xa está situada, somos a segunda rexión cun maior número de enerxía renovable, un 17 % da nacional".
O memorando tamén aposta pola creación de emprego no eido da economía verde, a mobilidade sostible, a tecnoloxía para a redución de residuos e a divulgación e concienciación sobre o cambio climático.