A Xunta aspira a alcanzar os 30.000 emigrantes retornados en 2026
A Xunta aspira a alcanzar os 30.000 emigrantes retornados en 2026
Anunciouno Rueda na súa intervención durante o XXIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas
O acto incluíu unha entrega de placas aos centros galegos con máis de cen anos de historia no exterior
Ourense acolle o décimo terceiro pleno de comunidades galegas no exterior, que inaugurou o presidente da Xunta. Rueda faloulles da estratexia retorna, coa que Galicia espera recibir nos próximos anos 30.000 descendentes de emigrantes.
O presidente da Xunta Alfonso Rueda garantiu o apoio aos galegos que residen no exterior e que queiran volver a Galicia, co reto de conseguir no horizonte de 2026 o retorno de 30.000 persoas.
Así o trasladou durante a súa intervención neste XXIII Pleno do Consello de Comunidades Galegas, que acolleu o paraninfo do instituto Otero Pedrayo, no que estiveron representadas oitenta entidades de diferentes países, acto no que estivo acompañado do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e do secretario xeral de Emigración Antonio Rodríguez Miranda, entre outros.
O acto incluíu unha entrega de placas aos centros galegos con máis de cen anos de historia no exterior. Con este obxectivo, Rueda describiu Galicia como unha "illa de sentidiño" e apostou por seguir traballando para seguir mantendo "o vínculo" cos galegos que residen no exterior e as súas seguintes xeracións.
Lembrou as axudas postas en marcha pola Administración autonómica con programas como o de "escolas abertas" e subliñou a posta en marcha da estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que permitiu que regresasen "unhas 28.000 persoas desde 2018" e coa que a Xunta espera conseguir chegar ás 30.000 persoas no horizonte 2026.
O obxectivo é "dar unha oportunidade a todos aqueles que saíron e que queren volver aquí poder establecerse como galegos con todos os dereitos", apuntou Rueda, quen se comprometeu a poñer "todas as condicións" necesarias para que todo o que queira poida volver.
Dentro deste compromiso, fixo especial fincapé nos máis novos para que "poidan vir aquí" e comezar unha nova vida laboral.