Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta critica a exclusión dos PERTE do sector mar-industria

A Xunta critica a exclusión dos PERTE do sector mar-industria

A Xunta urxe ao Goberno central a rectificar a decisión de excluír ao sector do acceso aos fondos europeos

G24.gal 10/08/2022 16:20

O vicepresidente segundo, Diego Calvo, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron este mércores a empresa Actemesa, dedicada principalmente á importación e exportación de peixe conxelado, e mostraron a preocupación da Xunta “pola exclusión deste sector do PERTE agroalimentario”.

Os dous conselleiros puxeron en valor o potencial da industria galega de transformación de produtos do mar e aproveitaron a visita para urxir ao Goberno central a rectificar con axilidade a decisión de excluír ao sector do acceso aos fondos europeos.

Reiteraron que este sector é referente en aspectos que defende o PERTE Agroalimentario, como a sustentabilidade, a competitividade, a trazabilidade e a seguridade alimentaria.

Precisamente, esta petición xa foi traslada polo Goberno autonómico nunha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, na que a Xunta evidenciou o seu “malestar” respecto diso.

A misiva tamén expón a “inquietude xerada por representantes do Goberno central ao afirmar de maneira errónea que algunhas destas empresas están amparadas pola Política Agraria Común”.

Nesta liña, Diego Calvo e Rosa Quintana alertaron sobre o risco de que esta exclusión free os investimentos en beneficio da industria do mar e da economía de Galicia.

A xuízo dos conselleiros, este feito é un “despropósito máis do Goberno central coa cadea mar-industria e que evidencia a súa improvisación con este sector”.

Na visita, remarcaron que este é un sector clave na economía de Galicia xa que en 2021 exportou máis de 2.400 millóns de euros en produtos do mar, cun aumento do 85 % desde 2009.

Calvo e Quintana consideraron que Actemsa é un grande exemplo da relevancia do colectivo mar industria porque a empresa situada na Pobra do Caramiñal, onde posúe un complexo frigorífico e unha planta de transformación de produtos do mar, tamén presta servizos de conxelación e de asistencia técnica a empresas conserveiras e pesqueiras.

Ten ao redor de 250 empregados e xera varios postos de traballo indirectos aos que se engaden preto de medio milleiro de profesionais da súa filial do Brasil. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade