Emerxencia cinexética para cazar xabarís "sen límite" no 80 % de Galicia
Emerxencia cinexética para cazar xabarís "sen límite" no 80 % de Galicia
Esta medida excepcional, que entrará en vigor este sábado ata o 25 de febreiro de 2024, tómase tras máis de 4.000 avisos a anterior campaña
Esta decisión provisional estará en activo desde este sábado 16 ata o 25 de febreiro de 2024, fin da tempada de caza
A Xunta declarará este venres a emerxencia cinexética, dia que se publicará no Diario Oficial de Galicia e entrará o vigor este sábado, para poder cazar "sen límite" xabarís nun total de 248 municipios, un 80 % dos concellos e da superficie da comunidade galega. Esta decisión provisional estará en activo ata o 25 de febreiro de 2024, fin da tempada de caza.
Os concellos con caza sen límite de xabarís agrúpanse en 37 comarcas: 12 na provincia da Coruña (75 municipios), 11 en Ourense (87 municipios), 9 en Lugo (54 municipios) e cinco en Pontevedra (32 municipios).
Este instrumento excepcional pódese tomar ante o perigo para a gandería e agricultura, ademais de polo risco de provocar accidentes de tráfico, complementario á caza regulada para facer accións de control por danos. Poderán capturarse ou abaterse exemplares de ambos os sexos e amplíanse os períodos de caza.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, explicou que é a terceira vez que se declara esta emerxencia cinexética en Galicia, unha decisión que tomou a Xunta tras recibir un total de 4.048 avisos por danos durante a tempada 2022-23, desde o 1 de agosto de 2022 ao 31 de xullo de 2023, en que se capturaron 19.000 exemplares, cifra que vai á alza.
Unha das cuestións que pesou nesta decisión é tamén o censo porcino doméstico existente nestas comarcas ante a alerta pola posibilidade de chegada a España da peste porcina africana, ademais de terse en conta a superficie afectada e o risco de accidentes de tráfico. Apunta que esta época é especialmente sensible pola recollida de millo.
Preguntada sobre o censo existente de xabarís en Galicia, Do Campo explicou que non se conta con ese dato, xa que indica que lle corresponde ao Goberno central realizalo e así se comprometeu a facelo a nivel nacional.
Amplíanse o tipos de caza e os medios
Poderá recorrerse a batidas, así como modalidades de espera. Tamén se autoriza o uso de medios auxiliares, como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadeiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados, para facilitar o control. Galicia conta cun total de 452 tecores.
Adicionalmente, poderase realizar capturas de exemplares vivos en terreos non cinexéticos mediante capturadores, e mesmo, en caso de non dar resultado, poderase actuar coa modalidade de espera diúrna ou nocturna, con informe preceptivo de xefatura territorial.
As xornadas de caza na tempada 2023-24 serán 134, o que supón un 45,6 % máis que as que había en 2017-18.
Reproches ao Concello da Coruña
Pola súa banda, Belén do Campo remarcou que entende que os municipios "teñan preocupación", e lembra que poden solicitar medidas ante a aparición de xabarís en zona urbana, que realizan "incursións nocturnas moitos deles".
Lembra que se falou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para facer un chamamento aos concellos a que "teñen que controlar a maleza". Aquí, referiuse ao caso do Concello da Coruña con "cunha cantidade de maleza" en terreos que non son só rústicos, "que son urbanizables".
Tamén pide á poboación que non se achegue a estes animais e o control de lixo nos colectores para non deixar comida á disposicións de xabarís.