Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta e Pontevedra dan luz verde á variante de Alba para evitar tráfico polo centro

A Xunta e Pontevedra dan luz verde á variante de Alba para evitar tráfico polo centro

Tamén chegaron a un acordo para desenvolver solo que permita a construción de novas vivendas protexidas na cidade

A conselleira de Vivenda, María Martínez, e o alcalde, Miguel Anxo Lores. Concello de Pontevedra A conselleira de Vivenda, María Martínez, e o alcalde, Miguel Anxo Lores. Concello de Pontevedra
G24.gal 21/06/2024 17:42 Última actualización 21/06/2024 18:18

A Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra deron luz verde á variante de Alba este venres, co obxectivo de reducir o paso de tráfico polo centro urbano.

En concreto, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo que foi valorada como "moi frutífera", con acordos "que beneficiarán moito a cidade".

Así, o acordo máis destacado está relacionado coa variante de Alba, unha vía deseñada para servir de conexión entre as estradas a Vilagarcía e Caldas, funcionando como alternativa á estrada PO-225 que comunica Alba con San Caetano, sen necesidade de entrar no núcleo urbano.

Desta maneira, o Concello comprométese a confirmar "expresamente" o informe do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible "que determine que é viable o entroncamento" do trazado da variante na estrada nacional N-550 en Lérez, na zona da Ferreira.

Unha cuestión na que as dúas administracións están "conformes" e na que xa había un "compromiso verbal" por parte dos responsables do ministerio, pero agora terá que ser "por escrito".

Segundo asegurou a conselleira, "de ter ese informe de conformidade do ministerio iniciaríase toda a tramitación, partindo de cero", é dicir, coa avaliación ambiental correspondente, o informe de trazado e todo o necesario. Martínez Allegue destacou que a variante de Alba "mellorará tanto o tránsito peonil como o tránsito de vehículos da zona".

Vivenda

Tamén houbo "acordo total" entre a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o alcalde de Pontevedra para desenvolver solo que permita a construción de novas vivendas protexidas na cidade. Acordouse que os proxectos de vivenda de interese autonómico non se atopen a máis de 1,5 quilómetros de distancia da Peregrina "para manter esa idea de cidade compactada, algo totalmente razoable", segundo dixo Lores.

Parque de maquinaria

Na reunión, conselleira e alcalde tamén falaron "do interese de todas as administracións de recuperar todos os espazos marítimos terrestres", neste caso da Xunqueira da Gándara ou de Alba, onde a consellería aínda mantén o seu parque de maquinaria. Agora van elaborar un estudo de custos e analizar "posibles alternativas nun futuro" para liberar eses terreos, sen descartar que o seu destino sexa o polígono de Barro, dependente da Deputación de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade