A Xunta pide canalizar a axuda aos ucraínos a través de entidades profesionais
A Xunta pide canalizar a axuda aos ucraínos a través de entidades profesionais
Feijóo solicita ás familias acolledoras que informen a Xunta ou a oenegué Accem
Dende que comezou a guerra chegaron a Galicia mil refuxiados e deles cen nenos están xa escolarizados. Son datos que deu hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante unha visita á sede de Accem, a oenegué que xestiona o programa de primeira acollida na comunidade.
No centro que Accem ten na Coruña coordínase a acollida dos refuxiados ucraínos que chegan a Galicia por vías oficiais. A organizacións cóbrelles os gastos durante un mínimo de seis meses.
Cos seus traballadores e unha familia fuxida da guerra estivo o presidente da Xunta e tras escoitalos fai varios chamamentos. O primeiro, informar a Policía ou ao Telefóno do Menor se alguén sabe de nenos non acompañados pola súa familia. Tamén, que as persoas que acollen refuxiados pola súa conta avisen a Xunta ou esta oenegué.
"Necesitamos saber que persoas chegan a Galicia para poder atendelas dende o punto de vista sanitario, educativo, social e para poder coordinar a axuda de forma eficiente a calquera familia que chegue a esta terra", afirmou o presidente.
Para facilitar a integración dos refuxiados, Feijóo tamén pediu que se poñan en contacto coa Xunta as persoas que falen ucraíno e ruso que vivan en Galicia para facer de tradutores no enderezo emerxencia.ucraina@xunta.gal. O presidente insistiu ademais en que a maneira máis eficaz de axudar os que están en Ucraína é facer doazóns en metálico a entidades que estean alá.