A Xunta pide unha moratoria de dous meses para o veto á pesca de fondo
A Xunta pide unha moratoria de dous meses para o veto á pesca de fondo
A conselleira do Mar salienta que de ter que presentar o Goberno galego o recurso tería menos posibilidades di que "atrasar dous meses a medida non provocaría danos irreversibles nos hábitats, pero si os evitaría na frota"
Basilio Otero: "Se levamos 50 anos pescando e hai corais, será que non os danamos"
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reclamou á Unión Europea unha moratoria de dous meses para a entrada en vigor do regulamento que lle prohibe pescar á frota de fondo en 87 zonas de augas entre Irlanda e o golfo de Cádiz, decisión que tachou de "cafrada".
"Atrasar dous meses a medida non provocaría danos irreversibles nos hábitats, pero si os evitaría na frota", advertiu, nunha comparecencia no pleno do Parlamento a petición propia e por solicitude do BNG.
O veto supón un "golpe mortal" ao sector pois, segundo datos da conselleira, tería un impacto por persoa duns 24.000 euros anuais, máis de 347,5 millóns de euros para a frota afectada e uns 816 millóns para o conxunto da economía galega.
A conselleira volveu instar o Goberno central a presentar un recurso contra este regulamento no Tribunal Europeo de Xustiza, pero tamén dixo que de non facelo sería a Administración galega a que o fixese, "aínda que con menos visos de prosperar".
Explicou Quintana que son os Estados os que teñen a "lexitimidade" para recorrer esta decisión ante a xustiza europea, pero insistiu en que a Xunta esgotará todas as vías para "frear esta cafrada" da Comisión europea que entrará en vigor o 9 de outubro e supoñería un "golpe mortal" para a frota galega.
Lembrou que este venres Galicia reunirase en Santander coas comunidades de Euskadi, Cantabria, Asturias e Andalucía para estudar as distintas posibilidades de defensa ante o novo regulamento europeo.
A conselleira do Mar agradeceu o apoio "apartidista" da oposición fronte a esta medida da UE e, visiblemente emocionada, encomiou que nesta loita "só figuran unhas siglas, as do mar de Galicia" para que o sector pesqueiro "teña futuro e siga tendo vida".
De feito, o pleno do Parlamento aprobou este mércores por unanimidade unha proposición non de lei do PPdeG debatida onte na que se pide á Xunta que demande ao Goberno central que "rexeite publicamente os ataques que o sector de arrastre de fondo está a sufrir por parte da Comisión europea".
Na iniciativa, que contou cos votos a favor de BNG e PSdeG, tamén se insta ao Goberno galego a defender a importancia do sector pesqueiro e da economía marítima europea e solicitar ao comisario europeo de Medio Ambiente que "teña en conta as opinións do sector e os de datos cuantitativos da súa representación sobre o total da frota pesqueira europea".