Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Xunta reclamará por escrito o traspaso da xestión do litoral se o Goberno central non executa o fallo do Constitucional

A Xunta reclamará por escrito o traspaso da xestión do litoral se o Goberno central non executa o fallo do Constitucional

O Goberno galego porá en marcha o Foro do Litoral e unha Comisión de Coordinación do Litoral, "para ir avanzando mentres non hai un traspaso efectivo", explicou a conselleira de Medio Ambiente

Sobre Altri: "Non se vai instalar nada no territorio que non cumpra a lei"

Vázquez cre que "algo non está funcionando ben" pola disparidade de criterio dos tribunais sobre os parques eólicos

G24.gal 02/05/2024 09:26

O pasado 23 de abril, o Tribunal Constitucional avalaba a Lei do litoral galega e rexeitaba o recurso en contra presentado polo Goberno central seis meses antes.

Co respaldo do tribunal de garantías, a Xunta de Galicia, no Consello celebrado o luns pasado, fixou un calendario de pasos para desenvolver a norma e urxiu a Madrid o traspaso dos medios necesarios para a xestión da costa desde Galicia.

O ditame xudicial non supón o traspaso inmediato destas competencias á autonomía, senón que abre a porta a un proceso que debe finalizar coa aprobación, por parte do Executivo central, dunha norma con rango de lei que dea conformidade á transferencia.

"Mágoa de seis meses perdidos con moita inseguridade, sobre todo para a xente que está asentada no litoral, para toda a cadea mar-industria, e para todas as persoas que queren gozar do litoral", lamentou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, nunha entrevista no programa Bos días da Televisión de Galicia, este xoves.

Vázquez queixouse de que o Goberno aínda non contactase coa Xunta para o traspaso efectivo dos medios: "O único que agardaba era unha chamada por respecto institucional, porque isto non é un enfrontamento; trátase de defender os intereses do territorio e aí sempre vai estar o Goberno galego, que menos que nos chamen e nos dean os parabéns pero non foi así".

A conselleira avanzou que se ese contacto non se produce, o Goberno galego cursará a solicitude por escrito. 

O Goberno galego porá en marcha o Foro do Litoral e unha Comisión de Coordinación do Litoral, "para ir avanzando mentres non hai un traspaso efectivo", explicou a conselleira de Medio Ambiente

Ao abeiro da nova lei crearanse organismos específicos como o Foro do Litoral e unha Comisión de Coordinación do Litoral cos departamentos implicados, "para ir avanzando mentres non hai un traspaso efectivo", explicou a conselleira. "Son organismos que estaban recorridos, pero o Goberno galego non entende as leis se non son participadas".

"O éxito desta lei foi a participación, polo tanto creamos o Foro do Litoral onde imos convidar todos aqueles que participaron na lei: universidades, Observatorio do Litoral e asociacións, porque só se constrúe Galicia participando", detallou.

Vázquez lembrou que a lei inclúe medidas para "diferenciarnos do resto da costa española" como crear sendas e unha rede de establecementos turísticos de calidade.

Sobre Altri: "Non se vai instalar nada no territorio que non cumpra a lei"

En relación á posible instalación da pasteira Altri en Palas de Rei, Vázquez comentou as declaracións da Secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, quen asegurou que “non bloqueará” que o proxecto de fibras téxtiles reciba fondos europeos “se respecta toda a normativa”.

"Non pode ser doutro xeito, non podemos prevaricar, nin o Goberno galego, nin os concellos ou partidos políticos", dixo a titular de Medio Ambiente. Neste sentido, tachou de "insólitas" as mocións do BNG "instando a que non se apoie a instalación de Altri cumpra ou non os informes".

"Estamos nun Estado de dereito e hai unhas leis, pedir o contrario é prevaricar; temos dereito a opinar, pode gustar máis ou menos, pero non se vai instalar nada no territorio que non cumpra a lei, que non sexa medioambientalmente sostible", subliñou.

Vázquez cre que "algo non está funcionando ben" pola disparidade de criterio dos tribunais sobre os parques eólicos

Vázquez expresou a súa preocupación pola decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de suspender 33 proxectos de parques eólicos no que vai de ano.

"Cómpre facer unha planificación e a Xunta non vai quedar de brazos cruzados porque algo non está funcionando ben, non é lóxico que un tribunal opine unha cousa e outro outra", remarcou. 

A conselleira lembrou creación unha nova Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático dentro do seu departamento para tramitar este tipo de proxectos.

"Os eólicos son necesarios e instalaranse onde cumpran estritamente coa lei", aseverou. "O 60 % teñen informes desfavorables, pero aos que cumpren non podemos dicirlles que non porque todos precisamos enerxía e a industria precisa ser competitiva, outra cousa é que lles esixamos un esforzo para que alí onde se instalen haxa beneficios". 

"Calquera cousa que implantemos no territorio, nós mesmos, é un fastío", polo que instou a atopar o "equilibrio entre o dano mínimo e beneficio que se pode obter", concluíu a conselleira.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade