A Xunta rescatará catro autovías galegas por 297 millóns de euros
A Xunta rescatará catro autovías galegas por 297 millóns de euros
Trátase das autovías do Salnés, O Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión
Segundo o Goberno galego, a operación aforra ás arcas públicas 330 millóns de euros
O Executivo galego rexeita a proposta do Goberno sobre os traspasos da xestión do litoral
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego vai rescatar catro autovías galegas -a do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, polas que agora se paga unha peaxe en sombra- o que terá un custo total de 297 millóns de euros.
Segundo explicou na súa comparecencia tras o Consello de la Xunta, con este rescate realizado de "mutuo acordo" coas respectivas concesionarias as arcas públicas aforraranse "máis de 30 millóns de euros" ao ano, que irán destinados a medidas en vivenda ou en infraestruturas.
Desta maneira, "a partir do ano que vén non haberá que pagar a peaxe en sombra" que a Xunta abonaba por esta autovías, xa que "pasarán a ser propiedade de todos os galegos" e xestionadas polo Goberno autonómico, asegurou a conselleira de Vivenda e Planificación de Infrestruturas, María Martínez Allegue.
En concreto, o rescate da autovía do Salnés (AG-41), que foi posta en servizo en 2008 e cuxa concesión se prolongaba ata 2035, custará 45 millóns de euros ás arcas públicas; mentres que a do Barbanza (AG-11), cunha concesión de 2009 ata 2036, terá un custo de 72 millóns de euros.
A máis cara será a de AG-56, de Santiago a Brión, que entrou en servizo en 2008 cunha concesión ata 2035, cuxo rescate custará 95 millóns de euros; seguida da AG-31, Ourense-Celanova, de 2013 a 2040, rescatada por 85 millóns de euros.
O rescate das autoestradas do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión farase efectivo no 2025.
En total, a conselleira cifrou o "aforro" total polo rescate de todas estas autoestradas en 330 millóns de euros, o que habería que pagar a todas as concesionarias en peaxe en sombra e mantemento ata a finalización das respectivas concesións.
Martínez Allegue destacou que así Galicia "dá un novo paso cara a unha rede viaria máis accesible, eficiente e sostible, consolidando un modelo de infraestruturas que beneficia a todos os galegos".
E, á parte de agradecer ás concesionarias a súa disposición para chegar a un acordo favorable para o rescate, volveu insistir na necesidade de que tamén as autoestradas de xestión estatal, a AP-9 e a de Santiago a Lalín, deixen de estar "entre as máis caras de España" e a súa titularidade e centro de decisión pase a estar en Galicia.
Polo que respecta ás autoestradas de peaxe de titularidade autonómica, Rueda dixo que lle gustaría tamén rescatalas pero non o ve posible "a curto prazo" aínda que asegurou que non renuncia a esa posibilidade nun futuro.