A Xunta ve acreditada a "intencionalidade" en varios incendios de agosto
A Xunta ve acreditada a "intencionalidade" en varios incendios de agosto
Avánzase cara a estabilizar o incendio de Laza e Chandrexa que segue activo tras calcinar 2.100 hectáreas
A situación mellorou nas últimas horas, pero de xeito paralelo seguen adiante as investigacións para determinar as causas dos incendios. Dende a consellería de Medio Rural din ter acreditado que varios dos que se produciron dende finais do mes xullo, foron intencionados.
"Hai liñas de investigación abertas que evidentemente por cuestións operativas non podo trasladar, pero evidentemente hai varios incendios nos que temos acreditada a intencionalidade nos que se están investigando os seus posibles causantes. Falamos de delitos moi difíciles de acreditar porque o propio incendio destrúe as probas e o que o fai intencionadamente coñece moi ben o territorio e é moi difícil collelo coas mans na masa."
28 persoas foron detidas ou investigadas en Galicia no 2021 en relación con incendios forestais. 51 entre xaneiro e xuño deste ano. Dende Medio rural advirten da gravidade destes delitos e lembran as súas consecuencias.
"Quen fai un lume forestal de xeito intencionado poñendo en perigo os bens e as persoas é un delincuente sobre o que caerá todo o peso da lei. Non só hai penas de cárcere, senón tamén responsabilidade patrimonial, tanto polos gastos de extinción, coma polos danos causados ,que están sendo nalgún incendio cuantiosísimos. "
As autoridades piden a colaboración cidadá non só para achegar calquera pista que permita avanzar nas liñas de investigación senón tamén en ser extremadamente prudentes ao realizar calquera actividade que poida provocar un incendio tamén por neglixencia.