A xustiza belga rexeita de novo extraditar a Valtònyc a España
A xustiza belga rexeita de novo extraditar a Valtònyc a España
O rapeiro fuxiu en 2018 a Bélxica parar evitar o ingreso en prisión en España onde foi condenado a tres anos e medio de cárcere por enaltecemento do terrorismo, calumnias e inxurias graves á Coroa
O Tribunal de Apelación de Gante (Bélxica) rexeitou este martes que o rapeiro balear Josep Miquel Areas, máis coñecido como Valtònyc, sexa entregado ás autoridades españolas por un delito de inxurias á coroa, nun fallo que reproduce a decisión xa fallada nun primeiro xuízo pero que o Tribunal de Casación belga obrigou a repetir. A sentenza pode recorrerse aínda ante o Tribunal de Casación.
Valtònyc fuxiu en 2018 a Bélxica parar evitar o ingreso en prisión en España onde foi condenado a tres anos e medio de cárcere por enaltecemento do terrorismo, calumnias e inxurias graves á coroa, tras o que as autoridades españolas ditaron unha Orde Europea de Detención e Entrega.
O proceso xudicial prolóngase desde 2019 cando a entrega do mallorquino foi rexeita por un xulgado de primeira instancia belga, unha decisión que o Tribunal de Gante confirmou en decembro do pasado ano.
Con todo, en xaneiro deste ano o Tribunal de Casación ordenara reexaminar a cuestión dos insultos ao monarca, un dos delitos polos que as autoridades españolas reclamaban a entrega do cantante balear, condenado ademais en España por ameazas e enaltecemento do terrorismo.
Valtònyc foi detido hai unha década polo contido das letras dalgunhas das súas cancións e condenado en 2017. Na súa sentenza, a Audiencia Nacional estimou que algúns dos temas comprendidos nos seus discos teñen un "indubidable contido laudatorio" das organizacións terroristas ETA e GRAPO, que xustifican e incitan á reiteración das accións violentas.