A Xustiza europea dá permiso á Xunta para sumarse ao recurso contra o veto á pesca de fondo
A Xustiza europea dá permiso á Xunta para sumarse ao recurso contra o veto á pesca de fondo
Recoñece o argumento do Goberno galego de que a prohibición impacta nos intereses económicos da comunidade autónoma
A Xunta de Galicia incorpórase ao recurso que a frota galega presentou contra o veto á pesca de fondo.
O Tribunal Xeral da UE admite o argumento do Goberno galego de que a prohibición impacta nos intereses económicos da comunidade autónoma e, polo tanto, autoriza a súa participación activa no proceso xudicial.
A pesca é o motor de outros moitos sectores produtivos en Galicia. Conservas, conxelados, comercializadores, transportistas. O Tribunal Xeral da Unión Europea tivo en conta os argumentos da Xunta do prexuízo que para os intereses de Galicia representa o veto á pesca de fondo, e admite a súa participación da administración autonómica como coadxuvante na demanda presentada polos produtores pesqueiros.
Alfonso Villares, Conselleiro do Mar, di que esta é unha boa noticia aínda que non é, nin moito menos un paso definitivo. Haberá que esperar a que a xustiza tire abaixo a orde europea.
Mentres o proceso xudicial podería tardar anos en resolverse, a prohibición de pescar en 87 zonas de augas comunitarias entrou en vigor o pasado setembro.
Os produtores pesqueiros expresan a súa preocupación. Din que hai barcos do pincho que están facturando a terceira parte do que facían e que se isto non se soluciona pronto o a decisión de Bruxelas, que consideran inxusta e arbitraria, custaralles o cesamento de actividade a moitos buques.
Alfonso Villaraes di que a Xunta preparará a fondo o recurso nos próximos días, que deberá ser presentado antes do 21 de agosto, e felicita os produtores pesqueiros de Burela por ter a valentía de recorrer xudicialmente contra o veto de Bruxelas.
Esta é unha das poucas veces que o tribunal admite a intervención do Goberno dunha rexión europea neste tipo de procesos.