Aberta a pesca de salmón no Ulla
Aberta a pesca de salmón no Ulla
Máis dun milleiro de pescadores solicitaron permiso para participar nesta campaña
A pesca volverá quedar prohibida o 30 de xuño
Este primeiro de maio abriuse a pesca do salmón no Ulla. Solicitaron permiso para participar nesta campaña máis de mil pescadores. Moitos xa foron hoxe ao río, pero o primeiro salmón da temporada, o campanu, quedou por coller.
Día festivo e con bo tempo, os primeiros pescadores autorizados a ir ao salmón nos coutos do Ulla non perderon a ocasión de probar. Son catro coutos no concello da Estrada: o de Ximonde, se cadra o de máis sona, Pontevea, Sinde e Santeles.
As condicións do río son óptimas, pero este primeiro día ninguén deu co que os asturianos chaman campanu, o primeiro salmón da temporada. Teñen ata o trinta de xuño para collelo. A Consellería de Medio Ambiente autoriza pescar 30 exemplares neses dous meses, pero o ano pasado tamén autorizaba 30 e só se colleron catro.
A situación da especie non é a mellor; aquí en Ximonde ten a Xunta precisamente o seu punto principal de captura de reprodutores para o complexo plan de recuperación que desenvolve desde hai anos. En comunidades como Cantabria, de momento nin tan sequera abren a veda porque os ríos non presentan as condicións mínimas de auga.