Algunhas verdades sobre a mina de Touro, por Venencio Salcines
Algunhas verdades sobre a mina de Touro, por Venencio Salcines
As augas que saen da mina cara ó Ulla e á Arousa xeraron alarma e preocupación na ría
Antes de comezar a lectura, o lector deberá saber que entre as miñas actividades profesionais está a de ser asesor da compañía Cobre San Rafael. Polo tanto, aínda que intentarei ser obxectivo na miña análise, a miña honorabilidade así o esixe, entenderei que alguén desexe poñela en dubida. En todo caso, invito a emitir o xuicio ó terminar a lectura e non antes.
A mina de Touro é un espazo mineiro pechado de un día para outro. Algo que a lexislación actual non permitiría, aínda que naqueles tempos, hai corenta anos, si era posible. A principal consecuencia de abandonar, a toda présa, ese espazo é que deixaron a casa sen barrer. Isto que significa? Que a mina leva corenta anos xerando regatos cargados de augas intensas en metais. É dicir, se pasabas pola contorna podías ver augas vermellas e sedimentos, o solo, da mesma cor. Para quen non teña costume é bo recoñecer que impactaba e posiblemente tamén desagradaba.
A partir desta realidade xérase un xogo político que se basea, coma sempre, nunha verdade a medias que é a maior das mentiras. A máxima é: se a mina parada xera estas augas tan noxentas, que non pode xerar cando estea en plena actividade? Augas, aquí a segunda máxima, que están derramando o Ulla e a ría da Arousa. Este razoamento, que ten a súa lóxica, xerou alarma e preocupación na ría da Arousa.
Pero a realidade é outra. Un informe do CSIC, feito durante un ano, afirma que as augas do Ulla chegan limpas a Padrón e que é xustamente nesa zona e na desembocadura do Ulla onde sobe, dentro da legalidade, a presenza de metais na auga. É dicir, se tiveramos unha ameaza, que de momento non a hai, esta estaría en Padrón, Pontecesures e nas achegas do Sar.
A segunda verdade, que non é tal, é a contaminación das augas da mina cando esta estea operativa. Ben, a mina, no proxecto que se quere presentar á Xunta de Galicia non bebe auga nin expulsa auga, utilízaa nun sistema de circuíto cerrado. Polo tanto, a actividade mineira nunca terá impacto sobre o Ulla e moito menos sobre a ría da Arousa.
E a terceira verdade, sobre a que se fixo todo o relato antimina, é o estado das augas da contorna. Eses regatos nacen na propia mina, no seu nacemento collen minerais, como a auga que entra nunha cafeteira. Polo tanto, exista mina ou non, as augas saen cargadas de minerais. Aquí é onde leva dous anos traballando arreo Cobre San Rafael.
Que fixo? Dúas cousas. A primeira, un canal dun quilómetro de lonxitude e nalgúns tramos de vinte metros de profundidade. Este canal evita que as augas da choiva entren no espazo mineiro. Polo tanto, o que non entra non se pode afectar. A outra foi canalizar os regatos que nacen na mina cara a unha planta de tratamento de augas, onde son tratadas e almacenadas, xa limpas, nun oco da mina, en espera de que Augas de Galicia comprobe a súa calidade.
Con estas dúas actuacións, quizais o maior caso de restauración do pasivo medioambiental dunha mina acontecido nos últimos anos, a mina de Touro xa non é unha ameaza para ninguén.
Polo tanto, agora o que toca é pensar no futuro dun rural que está a perder xente e máis xente. A actividade mineira de Cobre San Rafael vai permitir dobrar a poboación de Touro e O Pino, e iso, se se fai ben, só pode traer riqueza e desenvolvemento. E algo mais importante: que as avoas vexan medrar os netos ó carón da casa. O venres, tres mil persoas xuntáronse para reivindicar o seu futuro. Para ter o dereito de ter unha vida sen deixar a súa xente. Espero que o acaden, loito por iso.