A campaña de libre marisqueo na ría da Arousa abrirá o 1 de outubro
A campaña de libre marisqueo na ría da Arousa abrirá o 1 de outubro
A Consellería do Mar acordou a data co sector, co compromiso de avaliar a situación aos 15 días
O organismo destaca o aumento de ameixa babosa no Boído e decide abrir Os Lombos pese a que "non presenta uns resultados óptimos"
A Consellería do Mar acordou co sector a apertura da campaña de libre marisqueo na ría da Arousa para o próximo 1 de outubro. Así o comunicou despois de reunirse este mércores con representantes das confrarías da ría da Arousa para analizar os resultados das mostraxes realizadas polos técnicos do Centro de Investigación Mariñas (CIMA) nos bancos de libre marisqueo.
Deste xeito, o principal obxectivo da reunión era avaliar xunto ao sector a situación que presentan na actualidade e decidir que data era a máis adecuada para retomar a actividade extractora.
Así, analizados os datos obtidos, decidiron retomar a actividade extractora nos bancos dos Lombos do Ulla, O Boído e Cabío a partir do martes 1 de outubro co compromiso de avaliar a situación aos 15 días, segundo as capturas rexistradas.
Na reunión, tamén participaron as direccións territoriais de Pontevedra e A Coruña da Consellería do Mar, membros de Gardacostas, o técnico do CIMA responsable dos traballos de mostraxe e mais o presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra José Manuel Rosas.
Segundo sinalou a Consellería nunha nota de prensa, durante a reunión destacouse "a mellora do stock" da ameixa babosa de talle comercial no Boído respecto ás mesmas datas do ano anterior, e, aínda que Os Lombos "non presenta uns resultados óptimos", decidiron incluír a súa apertura para "velar polo equilibrio económico e social" desta actividade pesqueira.
Os topes establecidos por tripulante e día nas distintas especies son, no caso do Boído de dous quilos de berberecho, tres quilos de ameixa babosa e de carneiro, un quilo de ameixa loura e bicuda e medio quilo de ameixa fina. Mentres que en Cabío, no caso da ameixa babosa que é de dous quilos, a loura alcanza os catro, cinco de carneiro, e inclúe a extracción do tipo reloxo ata un tope de 25 quilos diarios. Por último, nos Lombos poderase extraer tres quilos de berberecho, catro de ameixa xapónica e medio quilo da fina ao día.