Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mergulladores do GEAS buscan o home de 78 anos desaparecido en Pontevea

Mergulladores do GEAS buscan o home de 78 anos desaparecido en Pontevea

A busca céntrase na contorna da ponte medieval, onde apareceron roupa e obxectos persoais

Pechouse o encoro de Portodemouros para baixar o caudal do Ulla e ter maior visibilidade

 

G24.gal 21/12/2023 14:18

Tres mergulladores da Garda Civil incorporábanse esta mañá á busca do veciño de 78 anos que desapareceu onte en Pontevea. Búscano en zonas de pozas e maleza baixo a ponte medieval, posto que alí se atoparon varias pezas de roupa e efectos persoais do desaparecido. 

"Non se vai descartar ningunha zona do río. O principal é que os mergulladores rastrexen as zonas ás que nós non podemos acceder polas marxes", explica Lorenzo Vázquez, efectivo do servizo de Emerxencias de Teo.

Mentres, un dispositivo en que participan a Garda Civil, a Policía Local de Teo, servizos de emerxencias e voluntarios da contorna inspeccionan as marxes do Ulla, cara á ponte de Xirimbao. Para gañar en visibilidade foi preciso rebaixar o caudal do río, pechando as comportas do encoro de Portodemouros.

"Onte estaba máis elevado o caudal e levaba máis forza ca hoxe. Solicitouse xestión do caudal ao encoro para que as augas estean máis claras por se estivera cerca da marxe do río a persoa desaparecida", engade Lorenzo Vázquez.

Algúns veciños uníronse nas últimas horas á busca, que comezou na tarde de onte pola zona da praia fluvial. 

"Pedimos que os voluntarios actúen de xeito coordinado, que falen coa Garda Civil e Emerxencias, e tamén que teñen boas condicións de mobilidade para andar por este terreo".

Búscano por auga, terra e aire, coa axuda dun dron que volverán voar esta tarde. Se non hai resultados, está previsto ir ampliando a zona de inspección a partir de mañá. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade