Aberto o prazo para solicitar o voto por correo
Aberto o prazo para solicitar o voto por correo
O DOG publica hoxe o decreto de disolución do Parlamento e de convocatoria de eleccións
A campaña electoral comezará o 2 de febreiro
O voto por correo poderá solicitarse ata o 8 de febreiro e o 12 será o derradeiro día para votar
O 5 de xaneiro remata o prazo para presentar coalicións e o 15 para as candidaturas
Empeza a conta atrás para os comicios autonómicos galegos previstos para o vindeiro 18 de febreiro. Logo de que a data quedase fixada na reunión do Consello da Xunta do pasado 21 de decembro, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a convocatoria de disolución do Parlamento de Galicia e a convocatoria das eleccións.
Asinado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o primeiro que fai destas características, o decreto establece que a reunión constitutiva da Cámara autonómica que salga das eleccións será o próximo 18 de marzo ás 11 horas. Inaugurarase así a XII lexislatura de Galicia.
A campaña electoral comezará o 2 de febreiro
O escrito, que ten data de onte, día de Nadal e entra en vigor este mesmo martes, establece a repartición por circunscricións, que non varía respecto ás anteriores convocatorias. Deste xeito, A Coruña elixirá 25 deputados; Pontevedra 22 e Ourense e Lugo 14 cada unha. A campaña electoral comezará na medianoite do 2 ao 3 de febreiro e concluirá na medianoite do 16 ao 17 de febreiro.
O voto por correo poderá solicitarse ata o 8 de febreiro e o 12 será o derradeiro día para votar
O Decreto 150/2023 do 25 de decembro abre un calendario de 54 días que comeza coa apertura do prazo para que a cidadanía solicite o voto por correo en calquera oficina postal. Aínda que xa é posible cursar a petición, o envío da documentación electoral comezará o 29 de xaneiro. Segundo a lei electoral, ese prazo rematará o vindeiro 8 de febreiro e o 12 será o derradeiro día en que se poida depositar o voto en Correos.
O 5 de xaneiro remata o prazo para presentar coalicións e o 15 para as candidaturas
Tamén veñen datas clave para os partidos que concorrerán aos comicios. As posibles alianzas poderán comunicarse ata o 5 de xaneiro, véspera da festividade de Reis, mentres que as candidaturas aínda teñen marxe ata o 15 do mesmo mes para facerse públicas. A proclamación das candidaturas será o 22 de xaneiro.