Abren ao público no porto da Coruña os grandes veleiros da Tall Ships Races
Abren ao público no porto da Coruña os grandes veleiros da Tall Ships Races
Doce buques toman parte na regata que por décima vez recala na cidade herculina
Había sete anos que os grandes veleiros da Tall Ships Races non visitaban o porto da Coruña, unha cita que se viu alterada pola pandemia.
"Somos o porto máis visitado pola regata e non se entendería que houbese un lapso de demasiado tempo sen que nos visitase", lembrou Pepe Etcheverría, presidente da Asociación Juan de Lángara e membro da organización da Tall Ships Races na Coruña.
Esta é a décima vez que Tall Ships recala na cidade. Desta volta participan doce grandes veleiros. No porto as súas tripulacións foron recibidas polas autoridades coruñesas.
"Quero desexarvos que desfrutedes do noso porto e da nosa cidade", dixo o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado. A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, referiuse á "emoción que supón para a cidade o regreso da Tall Ships a augas coruñesas".
O veleiro mexicano Cuauhtémoc é un dos máis grandes que fondean no porto coruñés. Conta cunha tripulación de 270 persoas, das que 45 son mulleres. A razón explícaa o cadete do veleiro Gerardo Enrique Motta: "Desde a época antiga seguen a levarse a cabo o pito mareado ou as manobras tradicionais que requiren de un gran número de persoas para a súa execución".
As visitas ás embarcacións e as actividades organizadas a bordo son outro dos atractivos da regata. Portugal, Uruguai ou Reino Unido figuran entre os países participantes. España faino coas goletas Atyla e Juan de Lángara.