Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan un caso de maltrato animal en Lugo

Investigan un caso de maltrato animal en Lugo

Dous cans mortos e outros catro feridos e desnutridos

A Policía Nacional investiga o caso e busca o dono dos animais

G24.gal 18/10/2024 14:13

Foi na zona de Agra Vella, en Lugo, onde unha persoa alertou a policía pola presenza de cans soltos.

"Chamáronnos por uns cans soltos que perseguían unha ovellas. Unha vez alí os animais xa estaban nunha finca privada e un dos animais estaba morto no interior da caseta", relata Alberto Losada, presidente da Protectora de Animais de Lugo.

A imaxe que atoparon alí foi dantesca. Había seis animais en estado de abandono, un deles xa estaba morto e outro faleceu pouco despois e os demais estaban feridos e desnutridos.

"Había seis cans, algún deles atado. Dous moi delgados e algún con feridas no pescozo de estar atados moi apertados", explica Alberto Losada.

Tras ser tratados nun hospital veterinario están agora en corentena nas instalacións da protectora que xa denunciou os feitos ante a Policía Nacional, pero os animais non tiñan microchip e buscan agora o seu propietario.

"É un caso de abandono total e queremos estar metidos na acusación para meter presión e que a xustiza actúe", subliñan dende a protectora de animais de Lugo.

Dende a protectora fan un chamamento para que se extremen os controis e a vixilancia dos animais para evitar estas situacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade