Abre as portas Fitur, co Camiño de Santiago como o principal reclamo turístico de Galicia
Abre as portas Fitur, co Camiño de Santiago como o principal reclamo turístico de Galicia
A directora xeral de turismo confía en superar en 2022 os catro millóns de turistas
Nava Castro critica a "xacofobia" do alcalde de Vigo
Hoxe comeza en Madrid a Feira Internacional de Turismo, Fitur, a máis importante do mundo. Sete mil empresas e 107 países do mundo están presentes nesta feira, coa que Galicia pretende consolidarse como destino turístico.
A oferta turística galega concéntrase nun posto de máis de mil metros cadrados dividido en once espazos expositivos. Alí os visitantes poderán fotografarse xunto a un botafumeiro de prata en tamaño real realizado polos ourives hai máis de sesenta anos.
Durante esta semana, o posto acollerá medio cento de presentacións de destinos turísticos galegos, produtos enogastronómicos de calidade, unha vintena de catas e mostras de artesanía en vivo, como explicaba na Radio Galega a directora xeral de turismo, Nava Castro.
"Ofertamos patrimonio natural, turismo rural e turismo activo; ofreceremos multitude de actividades e faremos unha chiscadela á artesanía de Galicia cos sanandresiños".
A directora xeral de turismo asegura que no posto estará representado o sector turístico das sete cidades e as catro provincias galegas, malia que a o concello de Vigo e as deputacións de Lugo e Pontevedra rexeitaron formar parte do mesmo. Nava Castro cre que se confunden de estratexia e arremete contra a "xacofobia" que ao seu xuízo está demostrando o Concello de Vigo.
"Están faltando á unidade de Galicia como destino. O Concello de Vigo debe ter 'xacofobia', comparando o Xacobeo coas luces coincidindo co remate do ano".
A directora xeral de turismo da Xunta aspira a recuperar en 2022 os turistas internacionais, especialmente os asiáticos e americanos, e a superar a cifra dos catro millóns de turistas. Amósase ilusionada coa chegada do AVE a Galicia, xa que nos sitúa a tan só dúas e cuarto de Madrid desde Ourense. A intención é traballar de agora en diante a oferta próxima de fin de semana e converter a Galicia, di, na "praia dos madrileños".