Abre Conxemar, coa esperanza dun acordo para ampliar o Ifevi e baixar o IVE do peixe
Abre Conxemar, coa esperanza dun acordo para ampliar o Ifevi e baixar o IVE do peixe
O presidente Rueda animou os organizadores a seguir crecendo e pediulle ao ministro Planas que facilite máis fondos europeos para os proxectos galegos
Planas, sobre o futuro da pesca: "Só hai sostibilidade se hai rendibilidade para a frota"
A XXV Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados Conxemar comezou este martes no Instituto Feiral de Vigo nun día "histórico" e coa esperanza da organización de alcanzar un acordo entre administracións para ampliar as instalacións e reducir o IVE do peixe.
Ao acto inaugural acudiron, entre outros, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, así como o director adxunto de Pesca e Acuicultura da FAO, Audum Lem.
O presidente de Conxemar, Eloy García, reivindicou a importancia deste "día histórico", ao alcanzarse a 25º edición da feira.
García quixo poñer en valor a importancia do evento, que congrega máis de 26.500 visitantes de preto de 110 países, con máis de 750 expositores de ata 46 países de todo o mundo.
Así mesmo, destacou o que supón para a cidade de Vigo e para Galicia en xeral a feira, cun retorno calculado nuns 235 millóns de euros e máis de 6.500 postos de traballo.
Respecto diso, aproveitou para insistir na necesidade dunha nova ampliación do Ifevi, que permita esta feira seguir medrando e dar acollida aos expositores que agora xa non teñen oco. Segundo as súas cifras, déixanse de xerar uns 20 millóns por edición.
"O cal nos obriga a facer unha reflexión. Conxemar debe seguir crecendo, do mesmo xeito que o sector. Somos moi optimistas. Estes problemas van rematar pronto", subliñou García.
O director adxunto de Pesca e Acuicultura da FAO, Audum Lem, agradeceu o traballo conxunto coa organización. O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, reivindicou a importancia do sector pesqueiro e o apoio que lle dá a súa entidade.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou o gran peso que ten para Vigo a pesca e a industria que a rodea, agradecendo a todo o sector por ser "heroes" á hora de xerar emprego. Así, o rexedor desexou boa feira aos asistentes.
Tamén Caballero quixo poñer un toque de humor ao acto, lamentando que a feira non se celebre no Nadal, para que todos os visitantes puidesen ver as famosas luces da cidade.
Ampliación do Ifevi e redución do IVE
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu na necesidade de "seguir crecendo", pero sen perder de vista a "sustentabilidade", non só ambiental, senón tamén económica e social.
O presidente galego quixo poñer o foco na necesidade de debater sobre a enerxía eólica mariña, explicando que hai que "seguir dando pasos" para favorecer os intereses do sector pesqueiro e da pesca artesanal galega, pero tamén do desenvolvemento económico doutros sectores.
Así mesmo, agradeceu ao Goberno a nova campaña de fomento do consumo de peixe que pretende lanzar o Ministerio, pero insistindo en pedir unha redución do IVE do peixe e da carne, como si se fixo noutros alimentos.
Tras pedir unha nova convocatoria do Perte Mar-Industria, ao haber "moitísimas solicitudes" de empresas galegas con "bos proxectos", Rueda falou das conversas coa Zona Franca sobre a posible ampliación do Ifevi, esperando que cheguen a "bo resultado".
FUTURO DO SECTOR
O ministro de Pesca, Luís Planas, insistiu na necesidade da sustentabilidade do sector, pero tamén na rendibilidade do mesmo e das súas empresas.
El mostrou o seu orgullo polo "compromiso exemplar" que mostrou a pesca española coa "sustentabilidade", sendo "exemplo en toda Europa e no mundo" polas súas "boas prácticas".
Planas volveu a poñer o foco en que Bruxelas debería poñer o acento no impacto económico e social que producen as súas propostas, como xa o fai co impacto ambiental das mesmas.
Ademais, insistiu en pedir financiamento comunitario á hora de descarbonizar a frota pesqueira e destacou a importancia do Perte Mar-Industria, indicando que é un "gran éxito" e que continúa aberto, indicando que pode ser "ampliable" se é necesario.