Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abre este martes o prazo para solicitar as axudas dos libros de texto e material escolar

Abre este martes o prazo para solicitar as axudas dos libros de texto e material escolar

As axudas para a compra de libros irán desde 160 ata 270 en función da renda e do curso, mentres que para obter material escolar serán de 60 ou 75 euros

O alumnado matriculado en 3º a 6º de primaria e en todos os niveis da ESO poderá acceder ao fondo solidario de libros

Imaxe de arquivo Imaxe de arquivo
G24.gal 20/05/2024 16:23

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP abrirá este martes e ata o 21 de xuño, con carácter xeral, o prazo para que as familias poidan solicitar para o próximo curso 2024/25 as axudas para a compra de libros de texto e de material escolar, así como para participar nos fondos solidarios de libros dos centros públicos.

Este prazo estenderase durante un mes, a partir da formalización de matrícula, de maneira excepcional para os alumnos que se incorporen máis tarde no curso e os que repitan 4º de ESO e non obteñan praza en FP básica.

Segundo recolle a orde que este luns publica o Diario Oficial de Galicia (DOG), o fondo solidario está previsto para o alumnado matriculado entre 3º e 6º de primaria, así como todos os cursos da ESO. Isto débese a que nestes niveis repetiranse os libros de texto do curso 2023/24.

En canto ás convocatorias de axudas, para adquirir libros de texto será para estudantes de 1º e 2º de Primaria e en Educación Especial; e para material escolar en todos os cursos de primaria, ESO e Educación Especial. Os alumnos dos centros e cursos que empreguen E-Dixgal, a iniciativa do libro dixital da Xunta, estarán excluídos do fondo solidario e dos vales para comprar libros, pero poderán optar aos de material.

En paralelo, este martes abrirase o prazo, tamén ata o 21 de xuño, para que os centros privados concertados poidan adherirse á iniciativa do fondo solidario de libros e á liña de axudas para adquirir libros e material.

Presentación da solicitude e procedemento

As familias deberán presentar a solicitude preferentemente pola sede electrónica da Xunta, pero tamén se aceptarán de forma presencial nos centros. Aínda que o alumno para o que se pide a axuda aínda non estea admitido nun colexio ou instituto para o próximo curso, presentarase no centro no que estivese matriculado na actualidade.

Segundo a orde que publica o DOG, o criterio para a adxudicación dos exemplares do fondo solidario, de 3º a 6º de primaria e en toda a ESO, será a renda per cápita da unidade familiar. Aínda así terá preferencia o alumnado tutelado pola Xunta e o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65 %.

Cando se esgote este fondo, será o centro o que adquira os libros de texto necesarios para garantir a dispoñibilidade para familias de ata 10.000 euros de renda per cápita, alumnos tutelados ou con discapacidade igual ou superior ao 65 %. Neste caso, a Xunta abonará a cada colexio 40 euros por libro en primaria e 45 na ESO.

Para as axudas á compra de libros de 1º e 2º de primaria, con carácter xeral serán de 160 ou de 240 euros, en función da renda, para educación primaria. No caso da ESO serán de 180 ou de 270 euros. Pola súa banda, a axuda para material escolar, para todos os cursos, será de 60 ou de 75 euros en función da renda, tanto en primaria como na ESO.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade