Abre o prazo para que os mozos de 18 a 30 anos se inscriban en campamentos da Xunta
Abre o prazo para que os mozos de 18 a 30 anos se inscriban en campamentos da Xunta
Esta oferta específica incluída na Campaña de Verán 2024 pon á disposición dos interesados 200 prazas distribuídas en cinco programas diferentes que acollen máis de 40 actividades
A Xunta abre este luns ás 9:00 horas o prazo de inscrición en campamentos para os mozos de 18 a 30 anos. As solicitudes poderán presentarse ata o 10 de xuño. Esta oferta específica incluída na Campaña de Verán 2024 pon á disposición dos interesados 200 prazas distribuídas en cinco programas diferentes que acollen máis de 40 actividades.
As solicitudes deberán presentarse en liña na páxina web de Xuventude, enviando o correspondente formulario en que cada persoa poderá elixir un máximo de tres programas por orde de preferencia.
Os campamentos para maiores de 18 anos desenvólvense no albergue municipal de Cabana de Bergantiños, no campamento xuvenil A Devesa de Ribadeo, no albergue de Allariz, no albergue Montañas de Trevinca na Veiga (Ourense) e na Residencia Complexo Cemar en Mondariz Balneario.
Para optar a estes campamentos é necesario ter cumpridos os 18 anos ao comezo das actividade e non cumprir os 31 antes de que finalicen. As prazas adxudicaranas por orde de recepción e, unha vez asignadas na primeira convocatoria, se quedan prazas vacantes abrirán de novo o formulario na web.