Abre para o uso cultural o pavillón modernista oculto no San Martiño Pinario
Abre para o uso cultural o pavillón modernista oculto no San Martiño Pinario
É unha xoia da arquitectura modernista da que saben moi poucos cidadáns e que puido ser rehabilitada grazas á colaboración entre a Xunta e o Goberno central
A cidade de Santiago, estandarte dos estilos románico e barroco, agochaba tras os muros do San Martiño Pinario unha xoia da arquitectura modernista da que sabían moi poucos cidadáns. É o denominado Pavillón Historicista, que agora abre ao público como un novo espazo cultural e de exposicións.
E un pavillón de estilo modernista, oculto tras os muros do segundo mosteiro máis grande de España (o primeiro é o do Escorial). O pavillón foi construído entre mediados do XIX e comezos do XX para unha exposicion rexional e, despois, usado como almacén de albanelería, obradoiro de cantería e alboio. A rehabilitación foi un proceso de indagar en cen anos de historia, documentarse, retirar os postizos e conservar a esencia.
"O proxecto de pavillón recuperado ten a intención de deixar no exterior unha beirarrúa para poder ver a cantidade de recursos construtivos e estruturais deste modernismo que estaba soterrado", explicou o arquitecto Iago Seara.
"Podemos admirar esta conxunción dun pavillón denominado historicista da época modernista con esta explosión de barroco que non mostra San Martiño Pinario na súa colosal dimensión", subliñou Francisco José Prieto, o Arcebispo de Santiago
Ese encontro entre dous mundos, dúas épocas, dous estilos é un lugar ao que poderán acceder os cidadáns a través da praza de San Martiño, porque o pavillón, de 800 metros cadrados en madeira e cristal, foi rehabilitado para uso cultural e actividades sociais.
"Para chegar ata aquí hai que pasar o portalón da praza de San Martín Pinario, e estando aquí, a percepción é tan forte e tan intensa que estás tamén no recinto", comentou Iago Seara, arquitecto.
Un recinto enorme que desde hoxe é un pouco máis da cidade de Santiago.