Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abren dilixencias contra a mina de Touro por un posible delito contra o medio

Abren dilixencias contra a mina de Touro por un posible delito contra o medio

Os colectivos que denunciaron consideran que os actuais propietarios dos terreos e da concesión son os responsables da contaminación e acusan a Xunta de Galicia de "poñerse de parte do agresor ambiental"

G24.gal 29/01/2024 11:36

O Xulgado de Arzúa abriu dilixencias penais contra a mina de Touro por un posible delito contra o medio ambiente tras as denuncias presentadas pola Plataforma mina Touro-O Pino NON e Ecoloxistas en Acción pero tamén das Confrarías da Illa, Cambados, Cabo de Cruz, A Pobra, Rianxo, Carril, Vilanova e O Grove.

Ecoloxistas en Acción xa tramitou a súa comparecencia como acusación popular neste posible delito ambiental.

Nun comunicado, Ecoloxistas en Acción lembra que a demanda foi interposta a finais do pasado ano no cuartel da Garda Civil de Arca, que realizou as primeiras actuacións policiais e que, posteriormente, foron trasladadas ao xulgado de instrución de Arzúa.

Este xulgado considera que existen indicios suficientes para abrir dilixencias penais por un presunto delito contra os recursos naturais e o ambiente.

De feito, a portavoz de Ecoloxistas en Acción, Isabel García, foi citada para declarar na instrución da causa para achegar datos adicionais sobre os feitos en base ao seguimento continuado que a organización realizou en relación ás verteduras ao río Pucheiras.

O Xulgado tamén solicitou á policía xudicial a realización de análises e encomendou diversos informes ás administracións implicadas.

Desde o colectivo ecoloxista esperan “que as dilixencias evidencien a gravidade da contaminación que provoca a mina” e a empresa propietaria dos terreos “teña que render contas ante a xustiza”.

“Durante case catro décadas de denuncias, atopámonos con que a situación de contaminación e verteduras continúa a pesar de que a mina pechou en 1988”, denuncian os ecoloxistas.

Considera así que os responsables da actual contaminación son os “actuais propietarios dos terreos e da concesión, que son perfectamente coñecedores de que tiñan o deber de restauración e do cesamento da contaminación ás augas”.

Tamén acusan a Xunta de Galicia “de poñerse ao lado do agresor ambiental e protexer os intereses do infractor, no canto dos da poboación afectada”.

Por iso, reiteran a súa petición a Augas de Galicia para que asegure que se paralizan as verteduras “encubertas” que aínda realiza, segundo a súa versión, a empresa Explotacións Galegas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade