Abril despídese cun descenso das temperaturas, chuvia e neve
Abril despídese cun descenso das temperaturas, chuvia e neve
A cota de neve situarase nos 1.000 metros nas zonas de montaña
A culpa tena unha fronte de aire ártico procedente de Islandia
Abrigo e bufanda para despedir abril. Unha nova fronte de aire ártico devólvenos ao inverno. "A semana pasada en traxe de baño, a xente na praia e agora con abrigo e bufanda", di unha muller.
Desta vez a fronte chega de Islandia e volverán descender as temperaturas. "Abrigarse, non queda outra", asegura outra.
Pero esta fronte sobre todo trae auga, que en moitas zonas caerá en forma de sarabia. "O aire vén frío, xa leva dous ou tres días, ía sol pero o aire era moi frío, de neve", conta un home.
Porque tamén pode nevar nas zonas de montaña. A cota de neve descende aos mil metros. "Este tempo é así, tanto podemos ir á praia a fin de semana pasada como podemos ir esquiar este domingo", explica outra muller.
Un tempo revolto que descoloca a calquera. "Está moi tolo o tempo", asegura un, mentres outro ironiza: "Está revolto como a política".
Pois ármense de paciencia porque este tempo inestable acompañaranos aínda uns cantos días.