Publicador de contidos
Publicador de contidos

Absoltos de branqueo seis membros do clan dos Charlíns por falta de probas

Absoltos de branqueo seis membros do clan dos Charlíns por falta de probas

Tamén foron eximidas de responsabilidade outras tres persoas acusadas inicialmente canda eles 

Xuízo na Audiencia Nacional (EFE/Sergio Pérez) Xuízo na Audiencia Nacional (EFE/Sergio Pérez)
G24.gal 21/05/2024 16:31

A Audiencia Nacional absolve seis membros do coñecido clan dos Charlíns ante a "inexistencia de probas" de que branqueasen supostas ganancias do narcotráfico en Galicia desde 2000 a 2010.

O tribunal eximiu de toda responsabilidade penal a un total de nove acusados de branqueo, entre eles catro fillos e dous netos do xa falecido Manuel Charlín Gama, que sentaron no banco entre setembro e novembro do ano pasado, e enfrontáronse a peticións de pena de entre 4 anos e 7 meses e 6 anos de cárcere e multas millonarias.

Desta forma, o tribunal absolve catro fillos do falecido patriarca do clan -María Josefa, María Teresa, Francisco Melchor e Óscar Felipe Charlín Pomares-; dúas netas -Noemí Outón Charlín e Natalia Somoza Charlín-, dous avogados e un empresario.

Os maxistrados da sección cuarta do Penal subliñan a "inexistencia de probas de cargo" que autoricen a emitir unha condena.

Tamén subliñan a "falta de concreción" e "especificación dos feitos que se atribúen a cada unha das persoas" por parte do Ministerio Fiscal, a quen lle reprocha que se limite "a verter imputacións contra o conxunto de acusados sen o máis mínimo indicio de individualización", segundo sinala en relación a unha das operacións analizadas.

Jaime Sanz de Bremond, avogado dunha das acusadas, mostrou a súa satisfacción pola absolución e celebrou que "a sentenza absolve a todas as persoas que, por ter un determinado apelido ou pertencer a unha concreta familia, foron acusadas sen que existise causa para eles".

Entre as cinco supostas operacións de branqueo axuizadas -algunha delas cualificada de "abstracta" polo tribunal- figuran a poxa dunha depuradora de mariscos, a adquisición dunha planta de elaboración e transformación de produtos do mar en China ou a apertura de contas en Suíza.

Sobre a primeira -a depuradora situada na Illa de Arousa-, o tribunal sostén que as probas practicadas "non lograron acreditar de ningunha maneira a veracidade da tese" da Fiscalía, que sostiña que o diñeiro investido nesta operación procedía do narcotráfico.

Os maxistrados subliñan a falta de concreción e de individualización das condutas dos acusados en relación á adquisición da planta en China e cren que as probas "se opoñen á realidade dos feitos descritos" pola fiscalía.

E sobre as contas en Suíza, afirman que o fiscal "non reflicte dato obxectivo algún capaz de sustentar a existencia dun delito de branqueo de capitais procedente do tráfico de substancias estupefacientes atribuíble aos acusados" na operación relativa ás tres contas abertas no Banco Clariden no ano 2000.

Permaneceron abertas ata 2010 "sen presentar movementos reais de ingresos", aínda que o fiscal sostén que "se nutriron dos ingresos realizados entre os anos 2000 e 2010, o que resultou ser incerto", conclúe o tribunal. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade