Publicador de contidos
Publicador de contidos

Absolven o alcalde de Ourense do delito de maltrato por empuxar unha manifestante

Absolven o alcalde de Ourense do delito de maltrato por empuxar unha manifestante

Na sentenza, o xuíz asegura: "Aínda  que a súa reacción quizais sexa un tanto desproporcionada,  en ningún momento alcanza a intensidade suficiente como para ser considerada delituosa”

G24.gal 19/01/2023 10:38 Última actualización 19/01/2023 11:44

O Xulgado de Instrución número 2 de Ourense absolveu o alcalde Gonzalo Pérez Jácome do delito leve de maltrato de obra que lle imputaban por empuxar unha participante nunha concentración que tivo lugar na porta do Concello o 3 de maio de 2022.

O xuíz explica na sentenza que as partes non discuten o sucedido porque o incidente está recollido nunha gravación, cuxo contido non impugnaron, pero conclúe que, ao seu xuízo, a actuación do rexedor municipal é “unha mera reacción ao feito de que a denunciante utilizase o megáfono a escasos centímetros da súa cara”.

Explican nun comunicado da oficina de prensa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que na sentenza basea a súa conclusión no feito de que despois de propinar o empuxón, o alcalde a suxeitase durante varios segundos, polo que asegura que “parece clara” a súa intención de evitar que puidese “utilizar novamente o megáfono preto da súa cara”.

Ademais, indica que é “significativo” o feito de que despois do empuxón se iniciase unha discusión entre ambos, na que o alcalde “parece estar reprochándolle algunha cousa, o cal tamén é compatible coa versión dos feitos que ofreceu no acto da vista”.

No xuízo, o rexedor afirmou que en ningún momento tivo a intención de agredir ou maltratar a participante na concentración. Así, manifestou que o único que pretendía era “apartar a denunciante” e que reaccionou dese modo “pola utilización que realizou do megáfono, xusto a escasos centímetros da súa cara”. Ademais, declarou que tiña “temor a que lle puidese causar algún tipo de lesión auditiva”.

O xuíz sinala na sentenza que “ben é certo que a súa reacción quizais sexa un tanto desproporcionada”, pero salienta que “en ningún momento alcanza a intensidade suficiente como para ser considerada delituosa”.

Pérez Jácome, tras coñecer a sentenza asegurou a través de twitter que se trataba "doutra denuncia sen base".

"Todos os ataques da prensa, a oposición política e o establishment, quedan de novo en evidencia", conclúe o alcalde de Ourense.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade