Publicador de contidos
Publicador de contidos

Acepta dous anos de cadea e pagar 120.000 euros por darlle unha malleira a un mozo en Nigrán

Acepta dous anos de cadea e pagar 120.000 euros por darlle unha malleira a un mozo en Nigrán

O acusado, que inicialmente negara os feitos, chegou a un acordo coas partes

A vítima sufrira varias fracturas e continúa a tratamento psiquiátrico catro anos despois

Vista de conformidade celebrada na Audiencia Provincial de Pontevedra (Europapress, Pedro Dávila) Vista de conformidade celebrada na Audiencia Provincial de Pontevedra (Europapress, Pedro Dávila)
G24.gal 17/06/2024 11:04

O único acusado de dar unha brutal malleira a outro mozo en Nigrán (Pontevedra) aceptou unha pena de dous anos de cárcere e o pago dunha responsabilidade civil de 120.000 euros nunha vista de conformidade levada a cabo este luns na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

A pesar de que o xuízo comezou a celebrarse o pasado mes de maio, cando o procesado negara os feitos. Agora, nunha nova vista, o home chegou a un acordo coas partes, aceptando unha pena de dous anos de cárcere e o pago de 120.000 euros, confesándose culpable da malleira ocorrida no verán de 2020 nas inmediacións do Pazo de Urzáiz, en Nigrán, que acabou con outro mozo ferido con múltiples fracturas e hematomas por toda a cara, precisando varias intervencións cirúrxicas e reconstrucións.

O único procesado aceptou dous anos de prisión por un delito de lesións grave, aínda que non terá que ingresar no cárcere se non volve delinquir nos próximos dous anos. Así mesmo, terá que abonar unha responsabilidade civil á vítima de 120.000 euros, dos cales 25.000 euros xa foron pagados. Os xuíces recollen na sentenza, que xa é firme, as atenuantes de reparación do dano e dilacións indebidas.

O home tamén terá que facer fronte ao pago de máis de 8.300 euros ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) polas intervencións realizadas, ademais do pago das costas. Por outra banda, non poderá achegarse a menos de 200 metros da vítima durante 10 anos.

Os implicados acudiran a unha festa no Pazo de Urzáiz

Os feitos ocorreron no verán de 2020. Segundo o escrito de Fiscalía, a vítima asistiu a unha festa no Pazo de Urzáiz, en Nigrán, e alí tivo un altercado cun grupo persoas, traballadores dunha cafetería desta localidade.

O altercado acabou nunha pelexa, e cando a vítima abandonou o Pazo, un grupo de persoas con quen rifara seguírono, entre elas o acusado, que lle gritaba "para aí fillo de puta, imos matar". A pesar de que o mozo emprendeu a fuxida o acusado e outra persoa que non foi identificada lograron darlle alcance e o acusado propinoulle unha puñada que o tirou ao chan.

Unha vez que caeu, o procesado comezou a darlle puñadas e patadas na cara e a cabeza, ata que o mozo perdeu o coñecemento. Aínda así, continuou a agresión ata que se presentaron varios vixiantes de seguridade do Pazo e varios amigos da vítima, que chamaron a policía e unha ambulancia.

Como consecuencia da malleira o mozo sufriu múltiples fracturas e hematomas por toda a cara, precisou de varias intervencións cirúrxicas e reconstrucións. Así mesmo, sufriu un trastorno de estrés postraumático grave, con condutas de evitación e illamento social, e continúa en tratamento psiquiátrico.

Ademais dos seus problemas de saúde mental, tamén ten secuelas físicas: varias cicatrices, afectación maxilar e perda de parte da visión dun ollo, e outros prexuízos.

Por estes feitos, a Fiscalía acusaba ao procesado dun delito agravado de lesións, e pedía ata oito anos de cárcere e case 130.000 euros de indemnización. Finalmente, foi condenado a 2 anos de prisión e 120.000 euros de responsabilidade civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade