Acepta un ano e sete meses de prisión por baleirar un extintor nos xulgados de Vigo, que tiveron que ser desaloxados
Acepta un ano e sete meses de prisión por baleirar un extintor nos xulgados de Vigo, que tiveron que ser desaloxados
Acepta un ano e sete meses de prisión por baleirar un extintor nos xulgados de Vigo, que tiveron que ser desaloxados
O home, que padece un transtorno orgánico de personalidade, non entrará en prisión se non volve delinquir nos próximos anos
O home que, en outubro de 2023, baleirou un extintor nun xulgado de Vigo e obrigou a desaloxar todas as instalacións da Cidade da Xustiza aceptou unha pena dun ano e sete meses de prisión como autor dun delito de desordes públicas e un delito leve de lesións, porque tamén atacou outra persoa que o denunciaba.
A vista de conformidade levouse a cabo este mércores no Xulgado do Penal número 1 da cidade e, durante a mesma, o home recoñeceu os feitos, aceptando dita pena de cárcere e unha multa de máis de 1.200 euros (1.125 euros por desorde pública e 90 euros polo delito de lesións).
Ademais, terá que indemnizar a vítima con 50 euros. Tamén se chegou a un acordo para non entrar en prisión se non volve delinquir nos próximos anos.
Os feitos aconteceron en 2023
Segundo recollía a Fiscalía no escrito de acusación, os feitos ocorreron na mañá do 5 de outubro de 2023, cando este home tiña que acudir a un xuízo por un delito leve, no que tamén estaba a persoa que o denunciaba.
A vista foi suspendida e, ao saír da sala, o home colleu un extintor, retiroulle o precinto, e asperxeu na cara á persoa que o denunciaba. Como consecuencia desta acción, toda a sala, mobiliario e equipamento, quedaron cubertos dun po branco.
Ademais, activouse a alarma contra incendios e as instalacións da Cidade da Xustiza de Vigo, e obrigou a suspender ou atrasar numerosas vistas en salas de instrución, do Social e en dous xulgados dos Penal.
O procesado ten un trastorno orgánico de personalidade, con trazos obsesivos e paranoides, e unha síndrome frontal. Ese día, sufriu un episodio de alteración de conduta que puido minguar de maneira grave as súas capacidades volitivas.