Publicador de contidos

Publicador de contidos

Localizan os cadáveres dos dous desaparecidos polo temporal en Sevilla e Córdoba

Localizan os cadáveres dos dous desaparecidos polo temporal en Sevilla e Córdoba

En Sevilla, tras baixar o caudal do río, atoparon o home que viaxaba nun coche coa a súa muller, tamén falecida, e que fora localizada na véspera

En Córdoba, contra o mediodía, deron co veciño de Añora, de 71 anos, que desaparecera o luns

 

G24.gal 19/03/2025 12:37 Última actualización 19/03/2025 14:39

A situación mellorou este mércores en Andalucía tras afastarse a borrasca Laurence. O caudal do Guadalquivir baixou a nivel laranxa en puntos de Córdoba e de Sevilla tras alcanzar onte martes o nivel de desbordamento, reabriuse ao tráfico o tramo cortado da autoestrada Sevilla-Cádiz (AP-4) e foi localizada a segunda vítima mortal.

O dispositivo de emerxencia que buscaba ao home desaparecido pola subida dun arroio en Constantina (Sevilla) localizou este mércores o seu corpo sen vida no vehículo en que se desprazaba canda a súa muller, cuxo cadáver xa foi recuperado este martes.

O cadáver da súa esposa, que viaxaba con el nun vehículo arrastrado pola corrente provocada polas choivas, foi achado a 400 metros de onde se localizou o coche.

Localizado o desaparecido en Córdoba

Pouco antes do mediodía, era localizado tamén sen vida o veciño da localidade cordobesa de Añora, de 71 anos, que desaparecera o luns. A Garda Civil atopouno preto do río Milano, a catro quilómetros do seu domicilio.

Son as tres vítimas mortais dun temporal que deixou importantes danos en varias comarcas de Andalucía. Os veciños desaloxados en Málaga e Huelva regresaron aos seus fogares, pero seguen moi pendentes dos niveis dos ríos Guadalhorce e Odiel.

As intensas precipitacións desta semana afectaron á circulación na autovía AP-4 (Sevilla-Cádiz), que reabriu ao tráfico en ambos os sentidos esta madrugada tras permanecer cortada desde o pasado luns por acumulación de auga na vía, segundo informaron fontes da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Así mesmo, o risco de desbordamento do Guadalquivir descendeu ao seu paso por Córdoba ao limiar laranxa tras chegar onte martes ao nivel vermello ou de desbordamento, segundo datos da Confederación Hidrográfica do Guadalquivir (CHG).

O caudal do Guadalquivir ao seu paso por Lora del Río empeza a baixar lentamente tras alcanzar sobre as dúas da madrugada o maior histórico, o cal obrigou o Concello a activar a fase de emerxencia do Plan Territorial de Emerxencia Local.

Segundo indican, funcionaron as medidas correctoras para impedir que a auga entrase no interior das vivendas das zonas afectadas pola crecida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade