Unha nova avaría volve deixar sen auga os veciños do barrio lugués de San Lázaro
Un coche acabou encaixado na fochanca que se creou tras o rebentón dunha tubaxe
Os afectados denuncian que os problemas coa acometida son habituais
"Sentimos unha explosión e despois comezou a saír auga e a afundirse a estrada e pasou un coche e quedou encaixado dentro".
Os veciños do barrio lugués de San Lázaro relatan como foi a última das avarías sufrida. Aos rebentóns nas tubaxes da auga sumouse a formación dunha fochanca da que eles mesmos tiveron que rescatar un coche.
"Escoitamos como unha explosión e asomámonos á fiestra e vimos unha condutora no burato".
Sinalan que non se trata dunha situación puntual, senón dun problema que se repite cada pouco, e quéixanse de que a zona está chea de remendos.
"Deben estar as tubaxes fatal e na estrada reparan, pero deixan os remendos sen asfaltar". "Non sei que pasa, pero sempre hai avarías aquí". "Xa se pode ver como está a estrada, de cada pouco rebenta".
Quéixanse do abandono que sofre o barrio e reclaman unha reparación integral tanto das tubaxes coma do firme.
"Nesa curva estivo correndo a auga meses, e iso é mostra da deixadez, tanto polo custo que ten como pola repercusión medioambiental". "O que tiñan que facer era poñer toda a tubaxe nova".
Despois de quedar sen auga, os traballos de reparación das últimas horas conseguiron restablecer o servizo, pero os veciños, que xa teñen pasado fins de semana completas sen auga, lamentan que esta avaría non será a última.